Cadernos da viaxe. Solución pública para Alcoa. Por Xoán Antón Pérez-Lema

A decisión da multinacional Alcoa de pechar na vila mariñá de San Cibrao a única fábrica de aluminio primario de Galicia- e da península ibérica- supón a perda de 534 postos de traballo directos e uns 280 indirectos, con gravísimos efectos a respecto de milleiros de familias na Mariña toda. Pensemos que o complexo de Alcoa (que integra esta fábrica coa moi rendíbel de alúmina que seguirá a traballar) supón o terzo do PIB da provincia de Lugo. Unha catástrofe económica para a bisbarra mariñá e para todo o Norte de Galicia.

Desque chegou á Moncloa-hai xa dous anos-, o Goberno Sánchez non foi quen de aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que reduza o elevadísimo custo da enerxía eléctrica para estas actividades. Na Galicia exportamos case o 40% da enerxía que producimos, sofrindo os seus custos ambientais e paisaxísticos. A falla de rendibilidade da fábrica de aluminio de Alcoa subvenciona o consumo doméstico do barrio de Salamanca e do resto de barrios de Madrid.

Canto á Xunta, Feijóo segue a facer o que mellor sabe: botarlle a culpa aos demáis, demitindo das súas responsabilidades como presidente deste País. Mentres o president Torra está a abrir negociacións directas cos directivos da Nissan no Xapón, o dos Peares renunciou interpelar aos directivos norteamericanos de Alcoa. Como xa dixo cando se declarou o estado de “alarma” canda a pandemia da Covid-19 “é un problema do Goberno central”.

Mais non haberíamos esquecer á principal responsábel, que é a propia Alcoa. Unha multinacional que pecha a fábrica de aluminio de San Cibrao porque no contexto do oligopolio mundial élle moito máis rendíbel producir noutros lugares do mundo. Mais neste contexto ao mellor non matinou en que no novo paradigma europeo postpandemia é factíbel asumir o control estatal en empresas estratéxicas. Para Alcoa producir aluminio en San Cibrao pode non ser moi rendíbel, mais non  ser viábel outro actor internacional producindo aluminio dende San Cibrao?

Velaí que a proposta de estatalización desta actividade produtiva, formulada polo BNG, CIG, UGT e CC.OO. semella unha solución merecente de fondo estudo, tendo en conta que sería posíbel pór recursos enriba da mesa, como os 38 M€ achegados en axudas públicas á multinacional nos últimos anos para o mantemento dos postos de traballo e máis o orzamento de indemnización extintiva dos traballadores e do propio peche físico.

É urxente estudar unha solución pública que incorpore Alcoa ao sector público estatal, coa participación da Xunta no órgano de administración. Mais priorizando unha xestión profesional, mesmo percurando un socio privado industrial que poida viabilizar a fábrica de aluminio primnario de San Cibrao no contexto dos mercados internacionais.

Un comentario

  • José Antonio

    Estado, Xunta, Cortizo, Extrugasa, Exlabesa entre outros pode ser unha alternativa viable para quedarse co a única fábrica de alumino do estado. E que se lle desconte a Alcoa o que lle demos en subvencions. E tamén recuperar os terrenos que Aznar lles vendeu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

10 − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.