Caravalho Calero, a nosa paradigmática conmemoración. Por Óscar Cardoner Sebio

Hoxe, no día das nosas letras, cómpre facer unha pequena reflexión sobor a figura do intelectual galeguista Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). Hoxe toda Galicia terá en mente ao filólogo e escritor ferrolán: uns lembrarán con paixón a un familiar ou irmán, outros lerán parte do seu traballo ou aprenderán polo menos o seu nome, mais moi poucos ou case que ninguén non reparará nas condicións en que se atopa a súa casa natal en Ferrol.

Resúltame un paradoxo honrar a Calero e deixar que a casa onde naceu hai máis de cen anos estea a piques de desaparecer. As intencións que unha vez se tiveron de rehabilitala para transformala nunha casa-museo ou nun centro cívico esmoreceron, e a estrutura esbarrigou devagar, froito do noso desleixo e da especulación urbanística. A mesma sorte correu a meirande parte da nosa herdanza arquitectónica por mor do “maltrato da paisaxe” e do “canibalismo urbanístico” do que falaba o arquitecto Carlos Fernández Coto. Renegamos das casas e edificios vellos e tiramos con eles no canto de recuperalos e adaptalos ás necesidades do noso século. Pensamos que isto é “progreso”, que así avantaremos. Non podemos estar máis errados.

Celebrar a nosa cultura ten que ser un acto verosímil e coherente. Se por unha banda admiramos aos nosos devanceiros e lles rendemos culto para preservar no futuro o seu legado, mais por outra non respectamos unha parte integral del, hai algo en nós que temos que arranxar. Aínda non nos deprocatamos de que a arquitectura é parte da nosa cultura, e desbotala é perder a nosa identidade e afianzar o poder da cosmovisión alíñante e globalizadora.

Numerosos estudos sobre arquitectura cognitiva amosan que o espazo construído afecta á nosa psique e condiciona a maneira en que vivimos. Este pode constrinxirnos e limitarnos ou, pola contra, proporcionarnos os medios precisos para desenvolvernos segundo a nosa forma de ser. Xa que logo, como podemos aspirar a reivindicar a nosa galeguidade se non reivindicamos tamén a recuperación e reactivación da nosa contorna que practicamente está desgaliguizada? Non radica no noso desleixo e ignorancia unha enfermidade que de seguir así vaise tornar terminal? A finalidade non é buscar alguén para botarlle a culpa, senón concienciarnos para recoñecer que de nós depende o cambio de conciencia que necesitamos como sociedade galega para sermos galegos, para entender o mundo a través dos nosos lentes e para obrigar ao mundo a ternos en consideración. Temos que darlle pulo á nosa “célula de universalidade”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.