Carballo pon en marcha un servizo de asesoramento a traballadores, autónomos e empresas

Empeza a funcionar a páxina web covid19.carballo.gal, que inclúe todo tipo de información e recursos relacionados co coronavirus para os sectores produtivos

Ás medidas de apoio aos sectores produtivos que está a poñer en marcha o Concello de Carballo, e que se concretarán nun plan integral de reactivación económica, engádese hoxe a posta en marcha dun servizo de asesoramento personalizado para traballadores/as, autónomos/as e empresas que funcionará a través do portal covid19.carballo.gal.

Nesta nova páxina web, que xa está operativa, concéntrase toda a información sobre a COVID-19, fundamentalmente de interese laboral e empresarial, pero tamén de ámbito social e institucional. O obxectivo é xuntar nun único espazo todas as medidas e os recursos que están a disposición da cidadanía nesta crise sanitaria, polo que os distintos apartados estarán en actualización constante.

Dado que os sectores produtivos son os principais destinatarios deste novo servizo, na portada da páxina destaca un formulario que porá a traballadores/as, autónomos/as e empresarios/as en contacto con persoal técnico especializado que resolverá as súas dúbidas sobre cuestións profesionais. Paralelamente habilítase o enderezo electrónico reactivacarballo@carballo.gal e inclúese unha ligazón directa coa sede electrónica do Concello de Carballo para facilitar as tramitacións, que cada vez serán menos presenciais e máis telemáticas.

O portal inclúe un apartado de medidas económicas no que se recollen todas as liñas de apoio de todas as Administracións para traballadores/as, autónomos/as e pemes, e que estará sometido a unha actualización constante. As medidas locais integran outro dos apartados da páxina web, co obxectivo de que a cidadanía teña coñecemento das accións que vai emprendendo o Concello de Carballo nos ámbitos social e familiar, de apoio á empresa e o emprego, de protección da cidadanía e de adaptación dos servizos públicos ás distintas fases da crise sanitaria provocada polo coronavirus.

No apartado de guías e recursos inclúese toda a información sobre a desescalada e unha serie de guías prácticas individuais para os distintos sectores de actividade e outras xenéricas para os centros de traballo, a actividade comercial ou a formación. O portal complétase cun apartado de información sanitaria e as seccións de avisos e novas municipais relacionados co coronavirus. As persoas interesadas tamén atoparán as repostas ás preguntas máis frecuentes en materia de Seguridade Social, fiscal e laboral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.