Concello de Pontevedra e entidades sociais deseñan un plan ante o aumento da demanda de alimentos e outros recursos

Paloma Castro mantivo unha reunión telemática con responsables de Cáritas, Calor e Café, Club de Leóns, Comedor de San Francisco, Cruz Vermella, Fundación Meniños e Secretariado Gitano

As principais entidades e organizacións sociais de Pontevedra transmitíronlle á concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, a súa preocupación ante o incremento das situacións de necesidade que trouxo consigo a crise sanitaria da Covid-19, en especial no que atinxe á demanda de alimentos. Por este motivo, o departamento municipal estase a coordinar cos colectivos de cara a deseñar un plan de resposta que se sincronice coas demandas que xurdan nas diferentes fases da desescalada.

Así o acordaron nunha reunión telemática na que, ademais da propia Paloma Castro; o xefe do Servizo de Benestar Social, Carlos Muiños; a actual responsable das traballadoras sociais, Ángeles Torres, e a monitora-educadora Patricia González, coordinadora dos albergues do Multiúsos da Xunqueira e Raíña da Paz, tamén participaron representantes de Cáritas, Calor e Café, Club de Leóns, San Francisco, Cruz Vermella e as fundacións Meniños e Secretariado Gitano. Tal e como explicou a concelleira socialista tralo encontro, “estamos a prepararnos para un aumento da demanda de recursos sociais e cómpre estar máis coordinados que nunca”, polo que teñen previsto “manter unha reunión cada vez que se cambie de fase da desescalada, de xeito que poidamos afrontar cada unha coas súas necesidades e particularidades”. “A seguinte no calendario será a semana do 11 maio -avanza-, coincidindo co comezo da Fase 1”.

A edil do PSOE constata que “o maior incremento de demanda estase a dar no que atinxe a alimentos e outros artigos de primeira necesidade”, cunha ampliación xeralizada de usuarios neste eido e mesmo con moitos cidadáns que veñen a recoller para repartir entre outras persoas que o precisan.

A concelleira ven de asinar esta mesma semana a renovación do contrato co restaurante O Roxo para que durante o mes de maio continúe a ofrecer menús ás nenas e nenos de Servizos Sociais que quedaron sen comedor escolar por mor do inicio do estado de alarma (contratación para que se destinou unha achega económica de case 10.000 euros).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.