Elena Candia: “A crise do coronavirus está a ser a escusa perfecta do Goberno para acabar pechando As Pontes”

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo telemática coa deputada no Parlamento de Galicia, a vilalbesa Sandra Vázquez, na que analizaron o acordo asinado en días pasados polas ministras de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sobre o peche das centrais térmicas.

As dúas representantes do PP trasladaron así a súa preocupación porque, lonxe de que esta medida supoña unha solución para a fábrica das Pontes, aínda empeora máis a súa situación. “A crise do coronavirus está a ser a escusa perfecta do Goberno para acabar pechando As Pontes e seguir destruíndo emprego na Terra Chá”. Elena Candia fixo esta valoración porque son moitos os transportistas da comarca chairega que pertencen á central pontesa e que, por tanto, a súa economía depende da supervivencia da mesma.

“Reprobamos a xestión do Partido Socialista que, lonxe de buscar solucións para frear o importantísimo impacto económico que xera o Covid-19, continúa poñéndose de perfil para buscar unha solución que permita manter o emprego. Levamos meses pedindo medidas para que se manteña a central das Pontes e a planta de Alcoa, en San Cibrao; pero o único que obtivemos, polo momento, foi unha absoluta insensibilidade do Goberno”, destacaron.

Dende o Partido Popular da provincia, que dirixe Candia, manifestan así, que “non nos moverán da nosa posición”, anticipando que seguirán presionando para que se reactive a central de Meirama, mentres se buscan combustibles alternativos e que se lle apliquen beneficios fiscais para mellorar a súa competitividade.

A este respecto, a deputada autonómica criticou que “é lamentable que a ministra de Traballo sexa galega e, por tanto, perfectamente coñecedora do que está a pasar tanto nas Pontes como na Mariña, con Alcoa, e que, sen embargo, non exerza o seu peso político para instar ao ministerio ou ministerios competentes a garantir a produción e o emprego destas fábricas; senón que participa da sinatura dun acordo que en nada beneficia ás térmicas”.

“Yolanda Díaz sabe tanto coma nós do que estamos a falar. Pedímoslle que faga valer a súa responsabilidade e garantir un futuro a todas as familias que, a día de hoxe, ven con moita incerteza e preocupación a irresponsabilidade do Goberno, e que pode desembocar nun final moi traumático para todas elas”, destaca Sandra Vázquez.

E é que para Candia e Vázquez non se entende como Díaz “se puido prestar a algo así”. “Dicímolo con total humildade, pero coa importancia que isto ten porque malamente pode explicar os motivos polos que o fixo, dados os graves prexuízos que supón para a central e os empregos que dependen dela”, concluíron.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.