Entregados 50 aparellos de radio a residencias de maiores titularidade autonómica da provincia de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que os transistores foron cedidos por Electrodomésticos Domínguez e repartíronse nos centros das Gándaras e A Milagrosa (Lugo) e nos de Monforte de Lemos e Burela

A Xunta de Galicia repartiu 50 aparellos de radio a catro residencias de maiores de titularidade autonómica da provincia de Lugo. Os centros que recibiron os dispositivos son os das Gándaras e A Milagrosa (Lugo) e as residencias de Monforte de Lemos e Burela. Os aparellos foron cedidos por Electrodomésticos Domínguez (Star Electrodromésticos).

O delegado territorial da Administración galega, José Manuel Balseiro, explicou que se trata dunha das iniciativas adoptadas co fin de axudar aos usuarios “a levar mellor as medidas de confinamento por mor do coronavirus, xa que a radio é un medio que acompaña durante todas as horas do día e achega tanto entretemento como información actualizada do que está a suceder ao noso redor, tanto no ámbito local como no resto do país, algo que se agradece especialmente nunha situación excepcional como a que estamos a vivir”.

A través desta iniciativa, a residencia das Gándaras recibiu 20 transistores e as da Milagrosa, Monforte de Lemos e Burela 10 cada unha.

Balseiro lembrou que a Xunta está a desenvolver diferentes accións dirixidas aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus. Así, entre as medidas adoptadas mencionou a entrega de 60 móbiles e tablets en 15 centros residenciais da provincia para facilitar o contacto entre os residentes e as familias -cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía telefónica Orange, a Fundación Profuturo e La Caixa-;  o teléfono social (900 400 800), que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas ou que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica; ou o  Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario para as persoas que necesiten coidados a domicilio, entre outras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.