Esquerda Unida demanda á Xunta “un plan urxente de mellora da atención primaria”

“A Xunta debe mudar unha política que fixo que o peso da atención primaria pasase de representar o 2,53% do PIB galego en 2009 ao 1,91% no último exercicio orzamentario o que reflicte o adelgazamento que leva padecendo nos últimos anos e que fai imprescindible a súa mellora inmediata”

Ante a situación actual, na que a infección por coronavirus vai seguir sendo un problema de saúde pública e comunitaria, Esquerda Unida demanda á Xunta de Galicia que reforce os equipos de atención primaria e tome medidas para paliar os recortes dos últimos anos.

En palabras da Coordinadora Nacional, Eva Solla: “A atención primaria está sendo a primeira barreira sanitaria contra o coronavirus. Non só coa atención que se fai nos domicilios, se non tamén nas propias consultas, coa prevención comunitaria e co traballo na realización de test de cara aos estudos epidemiolóxicos”. “Entendemos que nesta situación de incremento da carga de traballo, cando previamente xa se levan anos denunciando recortes que teñen suposto listas de agarda de máis dunha semana nalgúns centros, é o momento de que se reforce o servizo para evitar colapsos ou esperas innecesarias.”

Desde Esquerda Unida enténdese que este é un momento axeitado para reforzar o sistema polo que  “pedímoslle á Xunta que se poña a traballar xa nun plan de mellora da atención primaria con medidas de carácter urxente, pero tamén as de medio e longo prazo que quedaron adiadas e que levan reclamando o persoal e as centrais sindicais durante moito tempo”  manifesta Solla.

“Levamos anos acumulando moitos recortes que mesmo motivaron o pasado ano a primeira folga dentro da atención primaria. Cremos que este é un bo momento para devolverlle á atención primaria a súa capacidade de xestión devolvéndolle as súas xerencias, con máis capacidade de decisión e de solicitude de probas”.

“Pensamos que debe incrementarse tamén o orzamento na atención primaria, incrementando o número de profesionais. E deben aumentarse os medios materiais dispoñibles, tanto EPIs, como test diagnósticos de coronavirus e outras melloras dotacionais que xa estaban pendentes.”

Desde a organización afírmase que a Xunta debe mudar unha política que fixo que o peso da atención primaria pasase de representar o 2,53% do PIB galego en 2009 ao 1,91% no último exercicio orzamentario. Datos que reflicten o adelgazamento que leva padecendo nos últimos anos e que fan imprescindible a súa mellora inmediata.

Pese aos acordos polos que se levantou a folga do pasado ano e ao suposto compromiso da Xunta de Galicia de mellorar as condicións da atención primaria, case ningunha das conclusións dos grupos de expertos se teñen posto en marcha para mudar a situación de deterioro progresivo. Polo que desde Esquerda Unida enténdese que este é un bo momento para facelo e reclama á Xunta de Galicia que de un paso cara adiante cun plan urxente de mellora da atención primaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.