Esquerda Unida esixe que Renfe repoña as liñas nocturnas entre Galicia, Madrid e Barcelona

“A crise do coronavirus ten servido como xustificación para que Renfe decidise poñer punto e final ao servizo nocturno que unía diversas cidades galegas con Madrid e Barcelona”

Para Esquerda Unida trátase dun feito “inadmisible que afecta e reduce ás posibilidades de mobilidade da cidadanía ademais da eliminación de decenas de postos de traballo no ámbito ferroviario, polo que esixe a reposición das liñas”.

“Parece que o único obxecto que persegue Renfe é ir desmantelando os trens coma servizo público”. “En plena privatización do transporte ferroviario, elimínase agora unha liña de transporte que ademais de comunicar con Madrid e Barcelona, elimina a posibilidade dunha alternativa de desprazamento a todas as usuarias e usuarios que empregaban este servizo, en moitos casos por motivos laborais”, declaran dende EU.

Esquerda Unida ten denunciado xa nos últimos anos as progresivas reducións de servizos que entre elas teñen afectado á mesma liña que agora se pretende suprimir: “As frecuencias do tren-hotel xa foron recortadas en anos previos, eliminando a posibilidade de empregalo na fin de semana. A pretensión de eliminar nestes intres a totalidade das liñas déixanos apenas cun par de alternativas para desprazamentos a estes puntos durante o día”.

“Trátase dun proceso de desmantelamento progresivo en liñas que poderían mellorar o número de viaxeiros cunha mellor xestión. Sen embargo a intención parece ser a de ir eliminando este servizo público. Deixando ademais sen postos de traballo a un número importante de empregadas e empregados da Renfe e das empresas auxiliares”.

Esquerda Unida esixe que “non se utilice o coronavirus como escusa para suprimir este servizo e se reanude en condicións de seguridade”, á vez que lembra que “a vertebración do territorio é un dereito”. “A necesidade de manter e mellorar as conexións públicas vai ligada á loita contra o despoboamento e a un modelo de transporte verde, sostible e accesible para a maioría”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

trece + 15 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.