Feijóo: «Os emprendedores serán elemento clave para a reactivación económica e social tras a pandemia»

Destaca a necesidade de seguir apostando pola dixitalización das pemes do comercio e dos autónomos, polas solucións tecnolóxicas que faciliten o teletraballo e pola transformación dixital dos proxectos empresariais no rural

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos emprendedores como un elemento clave para a reactivación económica e social tras a pandemia, como o foron para saír da crise de 2008.

Durante a súa participación, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nun webinario sobre dixitalización de pemes e comercio online, organizado por AJE Galicia, Feijóo incidiu na necesidade de traballar cóbado con cóbado cos novos emprendedores, fundamentais para dinamizar de novo a economía e para garantir o emprego.

Nesta liña, destacou a necesidade de seguir apostando pola dixitalización das pemes do comercio e dos autónomos, polas solucións tecnolóxicas que faciliten o teletraballo e pola transformación dixital dos proxectos empresariais no rural; ademais de fomentar a internacionalización dos produtos e o comercio de proximidade. Todos eles obxectivos que se impulsan no Plan de dixitalización que mobilizarán 40 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou tamén a capacidade do sistema de innovación galego para impulsar proxectos innovadores ante a covid-19, transferibles ao sector da saúde, da industria e do comercio.

Deseñar a Galicia do futuro e afrontar a recuperación da covid-19

O presidente autonómico fixo fincapé en que unha situación extraordinaria precisa de medidas extraordinarias e insistiu na importancia de que as administracións consensúen cos axentes socioeconómicos medidas para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos, que están a sufrir os efectos do estado de alarma.

Ao respecto, referiuse, a modo de exemplo, á liña de financiamento a través de préstamos, que permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros; ao aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Comunidade, de forma que as cantidades se poidan devolver ao vencemento final actual dos préstamos -uns préstamos que, no seu conxunto, suman 265 millóns de euros-; ou á suspensión de prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, sucesións e tributos do xogo -ata o 30 de xuño, prorrogable-.

En definitiva, acompañar máis que nunca ao tecido empresarial neste novo contexto económico garantindo liquidez e poñendo en marcha medidas a prol dos emprendedores.

Diante disto, Feijóo quixo destacar e agradecer o labor do comité de expertos económicos para deseñar a Galicia do futuro e afrontar a recuperación da covid-19 coas máximas garantías. Un comité que aportou iniciativas no eido laboral, como a flexibilización de xornada, bonificacións nas cotas ou protocolos de volta á actividade; e no ámbito financeiro, como o apoio á adaptación do tecido empresarial ou a posta en marcha dun fondo para investir en empresas afectadas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.