Fútbol Sala Feminino. Por @DulceCorcu

Co  fútbol feminino en auxe, nuns anos onde tanto en campo de herba coma pista de sala consolídanse equipos e acaparan a atención de afeccionados e patrocinadores, cómpre lembrar a aquelas mozas que un día abriron camiño para que hoxe todo iso fose unha realidade. A AD VILA DE PONDAL – CONCELLO DE PONTECESO FSF, foi un dos primeiros equipos da comarca en consituírse, da man do adestrador carballés José Barca, que coa inestimable axuda de Curro Marcos e posteriormente a ex xogadora Sabela, artellaron un clube que chegou a contar con categoría Infantil e Sénior, nun tempo onde todo prácticamente xiraba en torno ao ámbito masculino, pero que con tesón e moita dedicación, foron capaces de sobrevivir ao longo de varias tempadas competindo a un gran nivel, donas incluso dun campionato de Liga e unha Copa. Fitos dunha traxectoria que foi o espello no que máis adiante se miraron as que viñeron despois.

Anos nos que as viaxes sempre eran en coches particulares, con moita vontade e escasa axuda. De traballar arreo e facer de todo para encarar aquela competición que primeiramente se chamaba Liga Provincial de A Coruña, e que máis adiante mudou a Primeira Galicia. Inicios onde perder era o habitual, pero que deron paso a florecentes xogadoras que nunca se rendían. Cada vez máis combativas e seguras, acabaron por ser un equipo temido que puido ter ascendido de categoría se non o impedisen temas alleos ao meramente deportivo. Esplendor dunha época aínda recente, pero non suficientemente valorada polo que significou, coa comarca agora chea de mozas que visten a camisola cada domingo para defender as súas cores, e que seguen contando con adestradores coma Barca e Curro, que souberon apostar por elas cando, quizais, non se agardaba que ninguén o fixese. O fútbol feminino agora camiña só, con moito aínda por diante que avanzar, pero coa fenda aberta por rapazas como as do Vila de Pondal, que fixeron do fútbol sala un auténtico fogar de Breogán, un lugar idílico coma o que describía o seu máis ilustre poeta, ao que regresar sempre…aínda que só sexa a través das ilusións outrora vividas. Pero que sempre permanecerán aí para ser lembradas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 + 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.