Gómez Reino: “Feijóo é o Torquemada que silencia á oposición e impide que Galicia coñeza a realidade da crise e a emerxencia sanitaria”

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, lamentou hoxe a actitude do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen vulnerou unha vez máis o seu compromiso de reunir semanalmente aos responsables das forzas políticas galegas para informarlles sobre a evolución da crise derivada da epidemia de  Covid-19.
“Feijóo debería asumir a súa responsabilidade e liderar a resposta unida de todas as institucións galegas para combater a epidemia e os seus efectos socioeconómicos. Pero, no canto diso, ignora á oposición, actúa en solitario e rexeita o apoio que lle brindamos”, dixo.
“Con esa actitude, Feijóo despreza ao conxunto da cidadanía de Galicia, que desde o inicio da emerxencia sanitaria leva demandando solidariedade e cooperación fronte á crise”, engadiu o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas. Tamén lembrou que Feijóo “preside un Goberno interino” tras a suspensión das eleccións autonómicas, e que non está lexitimado “para actuar en solitario”. “Feijóo silencia novamente á oposición e impide que Galicia poida dar unha resposta coordinada á crise e á emerxencia sanitaria”.
Gómez Reino lembrou que non é a primeira vez na que o xefe do Executivo galego incumpre o acordo de reunir cada semana aos portavoces da oposición para buscar unha actuación coordinada ante a emerxencia sanitaria. Como sucedeu nas ocasións anteriores, este domingo nin sequera informou das razóns que lle levan a non convocar esas reunións.
“Feijóo actúa con deslealdade cara á cidadanía de Galicia e cara á do conxunto do Estado. Durante semanas dedicouse a defender intereses electorais criticando sistematicamente as medidas de confinamento recomendadas polos expertos, proporcionou datos manipulados e  incompletos, atrasou a aprobación de expedientes de regulación de emprego, deixou desamparados a miles de usuarios e traballadores de residencias da terceira idade e a sanitarios do Servizo Galego de Saúde que a día de hoxe seguen tendo que concentrarse nos hospitais para reclamar medios para salvar vidas”.
“En todo este tempo, salvo insinuar que quere adiantar as eleccións, Feijóo non tomou nin unha soa medida que poida facer pensar aos galegos nunha resposta coordinada para que salgamos canto antes desta crise”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.