Gonzalo Caballero esixe a Feijóo “un fondo extraordinario” de 300 millóns de euros para os concellos: “Que deixe o postureo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza con Alberto Varela, presidente de Fegamp, trala cal esixiu a Feijóo que dispoña “un fondo extraordinario” destinado aos concellos que se distribúa con criterios “obxectivos” e que sirva para financiar a loita contra a covid-19 dende o eido municipal.

“Igual que o goberno de España está acompañando aos concellos e buscando fondos coa FEMP, Feijóo ten que deixar o postureo e traballar a carón das administracións que dan resposta á xente”, afirmou Gonzalo Caballero, quen contrastou como “as medidas dos concellos e deputacións” paliaron a “falla de capacidade” da Xunta á hora de atender os problemas da cidadanía.

FEIJÓO, “SEN DIÁLOGO COS CONCELLOS”

Despois de facer fincapé na “desatención” dos concellos por parte da Xunta, Gonzalo Caballero subliñou que Feijóo tamén “escapa de establecer mecanismos de diálogo” coas entidades municipais, quizais polo feito de que máis da metade da poboación galega ten hoxe un rexedor ou rexedora socialista.

“Pero Galicia non é o chiringuito do PP”, advertiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a Feijóo a “deixar o seu personalismo” e a “poñerse a disposición dos alcaldes” dedicando fondos para que poidan tomar medidas.

A xeito de exemplo, Gonzalo Caballero apuntou como no caso de Vilagarcía, o concello que dirixe o presidente de Fegamp, houbo unhas 1.200 actuacións dos servizos sociais. No 30% deses casos -relatou- eses veciños “non tiñan historial de necesidade sociais ata que chegou esta crise da covid-19.

Pola súa banda, Alberto Varela indicou que os concellos “seguimos sen noticias” da Xunta para convocar a mesa para a reconstrución que a Fegamp requiriu por carta hai máis de dúas semanas.

O obxectivo dese foro, como explicou o presidente da Fegamp, é traballar de forma coordinada para afrontar as necesidades dos concellos, atendendo ás emerxencias sociais da veciñanza e ás cuestións relativas ao comercio local e o tecido produtivo. “Seguimos agardando resposta da Xunta”, resolveu.

PRAIAS

A maiores, o secretario xeral do PSdeG sinalou “o despropósito” de que a Xunta chegara a propoñer que o acceso ás praias galegas se fixese a través dun sistema de cita previa por internet.

SEGURIDADE O 12X

Finalmente, o máximo responsable do PSdeG reclamou a Feijóo que “a Xunta garanta que todos os galegos poderán acudir o 12 de xullo a votar con seguridade e sen riscos”. “Ten que traballar cóbado con cóbado cos concellos para que ningún galego quede na casa por medo a ir votar”, apostilou.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.