Gonzalo Caballero: “Feijóo incumpre todos os acordos de priorizar a saúde e convoca eleccións en emerxencia sanitaria”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, iniciou unha rolda de contactos cos máis de cen alcaldes e alcaldesas socialistas, a comezar polos das cidades de Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, e sinalou a coincidencia en que “é unha irresponsabilidade, que faltan garantías para que Feijóo convoque agora as eleccións galegas”.

“É unha irresponsabilidade convocar no medio do proceso de desescalada, poñendo en risco a recuperación e a saúde dos galegos”, sostivo Gonzalo Caballero, quen instou a Feijóo a “rectificar” no que é “unha decisión persoal e personalista” que racha o acordo publicado do DOG e que non ten aval técnico nin sanitario.

“Que non leve a súa irresponsabilidade ao máximo. Que sente cos alcaldes e alcaldesas a falar se quere entender que a cidadanía está moi pendente da saúde e da desescalada, que quere prudencia”, engadiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a Feijóo a “respectar e priorizar o dereito á saúde” da poboación non mesturando o proceso de desconfinamento co proceso electoral”.

Lembrou que os concellos son conscientes da dificultade que se engade agora se se convocan eleccións. Caballero engadiu que en marzo consensuouse que se convocarían os comicios “despois do estado de alarma e da emerxencia sanitaria que existe agora, e nese senso o mellor sería convocar unha vez superado o proceso de desescalada”.

É o momento, tal e como indicou o máximo dirixente do PSdeG, de “priorizar a saúde”. Precisamente por iso, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a que “rectifique” no seu intento de fixar as eleccións “sen coñecer como vai a desescalada nin poder confirmar todas as garantías” para a celebración do proceso. “Que poña a saúde dos galegos e das galegas por riba de calquera outro interese”, concluíu.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.