Incerteza e preocupación polo emprego, principais inquedanzas empresariais pola COVID-19

A Red GEM constata no informe ‘A situación do empremento en Galicia diante da COVID-19’, coordinado pola profesora da USC Isabel Neira Gómez,  o impacto negativo da crise na actividade empresarial e ve o financiamento externo como solución

A incerteza e a preocupación polo emprego son as principais inquedanzas do empresariado diante da pandemia, que paralizou nun 40% a actividade empresarial en Galicia, segundo se recolle no  informe ‘A situación do emprendemento en Galicia diante da COVID-19’, un estudo desenvolvido en Galicia polo Grupo GEM-Galicia baixo a dirección das profesoras da USC Isabel Neira Gómez e Loreto Fernández. Este informe enmárcase no proxecto promovido polo Observatorio do Emprendemento en España (Rede GEM), coordinado tamén a nivel nacional polas profesoras Isabel Neira e Mar Fontes, da Universidade de Granada, e no que se analizan os datos sobre o impacto da pandemia na actividade emprendedora recollidos nunha enquisa  realizada entre o 20 e o 30 de abril de 2020.

A COVID-19 provocou, segundo a opinión maioritaria dos enquisados consultados neste informe, un problema de demanda causado principalmente pola incerteza e que tamén interfiren directamente outros parámetros relacionados co tamaño ou dimensión, sector e coa fase na que se atope o proxecto empresarial. As necesidades do colectivo emprendedor e, por tanto, as respostas da Administración deben de ser diferentes e adaptadas ás circunstancias individualizadas, segundo se recolle no documento.

Case a metade das empresas, independentemente do seu tamaño, continuaron o seu labor a través do teletraballo dos seus empregados. Este é, sen dúbida o cambio máis relevante da forma de traballar que se produciu en todos os ámbitos da economía, aínda que é especialmente relevante nos servizos a empresas (o 81% dos emprendedores que ofrecen servizos a empresas acolléronse a esta modalidade). Doutra banda, o 53% das empresas que ofrecen servizos ao consumidor final optaron polo peche temporal durante o período de confinamento.

Caída da demanda

A maior parte das empresas víronse afectadas por unha caída na demanda, a pesar de que se observan diferenzas entre sectores. O 53% das empresas de servizos ao consumidor non tiveron demanda ao permanecer pechadas; no sector industrial, un 80% das empresas percibe unha redución na demanda e o 62% das empresas que ofrecen servizos a outras empresas, maioritariamente abertas, tamén viron reducida a súa demanda. A diferenza doutras ocasións, neste caso o sector primario é unha excepción, como o proba o feito de que o 57% das empresas deste sector conseguiron manter a súa demanda.

A análise de impacto realizada polo Grupo GEM Galicia logo de 50 días de estado de alarma recolle tamén as diferentes estratexias adoptadas para facer fronte a esta situación excepcional. Un 9% aplicaron recortes salariais, o 20% dos casos optou pola redución de horas e un 15%, redución de empregados. As cifras rexistradas en Galicia son lixeiramente inferiores á media española en todos os aspectos, conclúe o estudo referido á realidade de Galicia.

Cómpre salientar asemade que as empresas que continuaron operando na modalidade telemática son as que sufriron maiores recortes, tanto en salarios como en emprego, e é aquí onde as diferenzas son maiores coa media española. O 62% das empresas galegas admiten acudir a estes recortes, o dobre da media española. Ademais de axustar o número de empregados, no sector de servizos a empresas o 19% das organizacións traballou grazas ás alianzas dentro da cadea de subministracións, ou á cancelación de pedidos a provedores, no caso dos servizos ao consumidor. En ambos os casos, máis dun 20% das empresas reorientou o seu negocio.

Impacto negativo

O impacto do Covid-19 nos negocios foi negativo ou moi negativo para o 85% das empresas de Galicia, unha estatística lixeiramente superior ao 79% da media española. O 60% destas firmas ven un futuro inmediato incerto, de feito, un 22% dos emprendedores xa cambiou o seu modelo de negocio, e mesmo o 13% dos que continúa operando e o 8% dos que pecharon temporalmente teñen previsto a futuro cambiar de actividade, así como buscar novos clientes (36%).

Respecto das posibles solucións propostas para saír da crise, as alternativas viables máis recorridas pasan pola procura de financiamento externo, tanto a través das entidades bancarias como a través de novos investidores. Doutra banda, a realidade do emprego tamén é asimétrica en Galicia en relación co conxunto de España, onde a necesidade de reducir persoal é moito maior que no caso das firmas galegas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.