José Antonio García: “Tomé que se poña as pilas e faga o que ten que facer para que as máquinas empecen a rozar as beiras das estradas provinciais”

A herba e as silvas medran abondosas nas beiras das estradas que dependen da Deputación. Un ano máis, demórase o inicio dos traballos de desbroce nestas vías de comunicación, cos conseguintes riscos para a seguridade, segundo sinala o viceportavoz do grupo provincial do PP, José Antonio García.

Os populares destacan que o socialista José Tomé é dobremente responsable de que, un ano máis, a Deputación empece máis tarde do desexable os traballos de desbroce das beiras das estradas provinciais. García afirma: “É dobremente responsable porque o é como presidente da Deputación e, ao mesmo tempo, como responsable directo da área de Xestión Territorial, que inclúe Vías e Obras, Parque Móbil e a Unidade de Proxectos”. Engade que como responsable de dita área, Tomé xa demostrou a súa falta de eficacia para defender os intereses da provincia, pero “seguramente dálle rendemento desde o punto de vista político e partidista”.

García sinala que a falta de desbroce nas estradas provoca riscos. Por un lado, para o tráfico rodado, dado que hai moitos sinais tapados, ou case tapados, pola maleza, o que constitúe un perigo para a seguridade vial. Por outro lado, é un risco no que se refire aos incendios.

O mesmo representante popular di que hai numerosas queixas de alcaldes e portavoces municipais porque cando intentan contactar co delegado de Vías e Obras na Deputación teñen moitos problemas para conseguilo. “Será que está moi ocupado atendendo asuntos propios da presidencia e non ten tempo para Xestión Territorial, da que parece que só se preocupa cando cre que pode obter rendibilidade política”.

García sinala: “Desde que o PSOE goberna a Deputación, é un clásico que a roza das beiras das pistas empece moito máis tarde do debido. O ano pasado, practicamente transcorreu todo o verán ata que se fixo o desbroce; parece que este ano o asunto non vai ir moito mellor”.

O PP esixe a Tomé, na súa dobre condición de presidente e de responsable da área de Xestión Territorial, “que se poña as pilas e faga o que ten que facer para que as máquinas empecen a rozar as beiras das estradas provinciais; non pode ocorrer o do ano pasado”. José Antonio García anuncia que os populares estarán “moi atentos a como se desenvolvan estas tarefas, tan importante para evitar o risco de incendio e de accidentes de tráfico”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

nueve − 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.