José Tomé preside o comité de seguimento dos centros de maiores provinciais para avaliar a súa xestión ante o Covid-19

O Presidente recoñeceu o gran traballo desenvolvido polo equipo de profesionais que atende as residencias, todas libres do virus a día de hoxe. Destacou a implantación de rigorosas medidas de prevención antes da declaración do estado de alarma e mesmo por riba dos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou un comité de seguimento dos catro centros de maiores de titularidade provincial co fin de abordar e avaliar a súa xestión ante a crise sanitaria da Covid-19. Na reunión de traballo, celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, participaron ademais do Presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e as directoras dos catro centros, situados en Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo.

“É moi importante manter estas reunións para analizar as particularidades e situacións que se están dando en cada un dos centros”, explica o Presidente. “Tanto as directoras dos centros, como todo o persoal, un total de 90 traballadores e traballadoras, están facendo un labor excepcional, con moita dedicación e compromiso, e reafirmámolo neste comité, no que lles trasladei que é unha boa nova que os resultados dos test realizados a traballadores e usuarios fose negativo, pero que isto non nos pode permitir baixar a garda e debemos continuar sendo rigorosos como ata o momento”, asegura Tomé.

Nestes bos resultados, o Presidente destacou que foi clave a anticipación coa que se actuou, ao implantarse rigorosas medidas de prevención antes da declaración do estado de alarma e mesmo por riba dos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias.

 A reunión serviu para analizar os diferentes protocolos e pasos que se foron dando nas residencias dende que a Organización Mundial da Saúde (OMS)  declarara a enfermidade como unha pandemia a nivel mundial. “Dende ese momento teñen implantado un protocolo específico de medidas contra a Covid-19 elaborado por persoal técnico da área de Promoción Económica e Social, que se foi actualizando para ir en concordancia coa normativa, instrucións, protocolos ou guías publicadas polas autoridades competentes”, subliña o Presidente. Entre esas medidas, atópanse vixentes dende entón a prohibición de visitas de amigos e familiares, o reforzo do servizo de limpeza, e os traballos de desinfección preventiva realizados en todos os centros, tanto no interior, como no exterior.

Anticipación

As directoras dos centros destacaron a importancia de que a institución provincial implantara medidas antes do estado de alarma, facilitándolles tempo para adiantarse e reconfigurar a organización dos centros para actuar con seguridade sanitaria nestes lugares nos que conviven persoas cun nivel alto de vulnerabilidade ante a Covid-19. Así mesmo, puxeron de manifesto que na primeira semana de marzo desenvolveron obradoiros cos usuarios e cos traballadores do centro para familiarizarse con prácticas de hixiene exhaustivas como o lavado de mans, colocación de EPIs e, entre outras medidas, establecer unha nova maneira de relacionarse entre eles.

Catro entregas de material da Deputación

As residencias provinciais recibiron catro envíos de material de protección -e na próxima semana realizarase un quinto-, que a Deputación de Lugo lles fixo chegar durante o estado de alarma. Materiais e EPIs que complementan aos que xa se entregaron con anterioridade, antes do estado de alarma, tal e como establecían os protocolos que implantou a institución provincial.

As directoras das residencias concordaron ao manifestar que sentiron e continúan sentindo un gran apoio moral e asesoramento por parte do persoal da área de Benestar da Deputación e dos responsables políticos. Expuxeron que, ata o momento, sempre dispuxeron de material suficiente para dar unha correcta e segura atención aos maiores, grazas en boa medida á constante e directa comunicación reforzada durante esta situación excepcional.

Desescalada

Outro dos puntos abordados no comité de seguimento foi o proceso de desescalada nos centros de atención a maiores. Actualmente, malia que o resto da poboación pode saír a pasear ou a facer deporte seguindo franxas horarias, os usuarios e usuarias das residencias seguen en confinamento total e prevese que sexan dos últimos colectivos en poder saír e recibir visitas de familiares e amigos dada a súa gran vulnerabilidade.

O Presidente explica que se están elaborando protocolos para cando se retomen as visitas de familiares e os usuarios poidan saír a pasear.

Xestión pública de centros de proximidade

O Presidente subliñou que a crise da Covid-19 demostra que o modelo asistencial público e de proximidade polo que aposta a Deputación achega “un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia”.

Precisamente, durante o estado de alarma a Deputación ofreceulle á Xunta de Galicia, a través dunha carta dirixida á Conselleira de Política Social, a máxima colaboración para que cinco persoas maiores veciñas da Fonsagrada que eran usuarias das vivendas comunitarias privadas que foron intervidas e pechadas pola Administración autonómica ingresasen no centro público que a institución provincial ten nesta localidade. A día de hoxe, a Deputación non recibiu resposta da Consellería.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.