Medio centenar de rapazas e rapaces participaron na iniciativa “Aperta aberta” impulsada dende o Concello de Narón

O Concello de Narón continúa desenvolvendo a iniciativa “Aperta aberta”, impulsada dende a Concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe o edil Román Romero

Dende que se comezou, o pasado 22 de abril o equipo de Educación Viaria xa mantivo un total de dez videoconferencias con rapazas e rapaces de Narón e tamén doutros concellos. O edil naronés convidou a aqueles que aínda non participaron e que desexen facelo a solicitalo a través do correo electrónico: seguridadevial@naron.es.  Medio centenar de menores participaron xa nas sesións, ás que en moitos casos se suman finalmente familiares dos inscritos.

“As sesións realízanse por Skype, e a través das mesmas poñemos en contacto a menores de Narón, a partir de 3 anos, con outros amigos e amigas cos que poder compartir as súas experiencias nestes tempos que estamos vivindo e tamén realizar algúns xogos entre eles e gozar dalgunhas sorpresas”, explicou Romero. O edil naronés recordou que dende o comezo das sesións, coordinadas polo equipo de Educación Viaria, que participa en todas, colaboraron coa iniciativa recoñecidos profesionais, como Sabela, a pontesa que participou en Operación Triunfo; o futbolista Juan Domínguez; a escritora Inma López, e tamén outros profesionais como unha inspectora do Corpo Nacional de Policía, un bombeiro… “Quero agradecer a colaboración de todas esas persoas que desinteresadamente están adicando parte do seu tempo a dar unha agradable sorpresa aos rapaces e rapazas que participan en “Aperta aberta”, explicándolles polo miúdo o traballo que realizan nas súas respectivas profesións”, asegurou.

Cada semana organízanse tres ou catro videoconferencias, que soen ter unha duración de hora e media e nas que poden participar un máximo de cinco menores. “Animamos aos rapaces e rapazas que queiran participar a que o soliciten previamente para sumarse á iniciativa e recibir un agasallo pola súa implicación nesta novidosa proposta”, apuntou Romero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.