Medio Natural dota dunha moderna iluminación o treito da senda dos Gafos que discorre por A Pontenova, en Pontevedra

A empresa Setga instalou catro luminarias de alto rendemento nesa zona da desembocadura

A empresa especializada Setga SL acaba de rematar os traballos para dotar dunha moderna iluminación un treito da senda fluvial do río dos Gafos que discorre por A Pontenova, na desembocadura do afluente. Trátase dunha actuación moi demandada tanto polos usuarios do sendeiro como pola veciñanza da zona, á que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou unha achega económica de 4.267,83 euros e que permitirá que a cidadanía poida desfrutar deste fermoso contorno en condicións de seguridade durante tódalas horas do día.

A intervención traduciuse na instalación de catro luminarias modelo Celtika de corpo de aluminio anodizado, sistema de disipación térmica e 24 LED de alto rendemento, que respostan a criterios de precisión, eficacia e estabilidade óptica. Unha delas colocouse nunha columna troncónica duns catro metros de altura, de sección circular e construída en aceiro ao carbono; outra nun poste preexistente, e outras dúas sobre a fachada dun inmoble ancoradas con brazos de aceiro.

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, os traballos de canalización e instalación das novas luminarias (cun tubo de polietileno nunha zanxa de 0,60 metros de profundidade por 0,40 metros de ancho) “respostan aos máximos estándares de calidade e fiabilidade no alumeado público”. “Asemade, o modelo de luminarias empregado é o resultado dun proceso industrial altamente sostible, caracterizado pola capacidade de reciclaxe e optimización dos materiais empregados, o que garante a súa completa reutilización por parte doutras industrias nun futuro”, sinala Puentes.

Tal e como apuntou o edil socialista, o Servizo Municipal de Medio Ambiente tamén destinou unha achega de case 6.000 euros para que a asociación ecoloxista Vaipolorío poida desenvolver o servizo de mantemento do treito rural do sendeiro do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) do río dos Gafos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.