Narón permitirá ampliar superficies como terrazas e implantar novos horarios de funcionamento

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá a Xunta de Portavoces que se celebrou un mes máis de xeito telemático

No transcurso da sesión abordáronse as modificacións plantexadas á Ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería, encamiñadas a paliar os efectos negativos da crise da Covid-19 no sector. As condicións técnicas para a instalación provisional de terrazas en zonas de prazas de estacionamento, para a ampliación das superficies das terrazas xa autorizadas ou novas terrazas en espazos libres privados ou espazos públicos peonís, e unha serie de medidas excepcionais sobre horarios de funcionamento son as modificacións que se levarán ao pleno do vindeiro xoves para proceder á súa aprobación e que estarían en vigor, en principio, ata finais deste ano.

Ferreiro explicou que “con estes cambios a introducir na ordenanza municipal apostamos por apoiar ao sector hostaleiro da cidade ante esta situación excepcional, priorizando o cumprimento de todas as garantías de seguridade en base aos pertinentes informes técnicos”.

En canto á instalación provisional de terrazas en zonas de aparcamento, deberán situarse preferentemente na fronte da fachada do edificio e poderán rebordar a lonxitude do establecemento cos informes pertinentes, respectando o acceso a portais, escaparates, vitrinas de comercios e garaxes. Tamén para estes casos se contempla a necesidade de instalar unha tarima ao mesmo nivel que a beirarrúa e según a pendente existente e delimitarase a zona ocupada con elementos de protección opacos, excepto na parte lindante coa beirarrúa ou zona peonil. Non se permitirá a instalación de cubertas estables nin pérgolas e será necesario informe previo favorable da Policía Local e dos servizos técnicos municipais.

Así mesmo, para aqueles casos nos que se queira ampliar a superficie de terrazas xa autorizadas ou instalar novas terrazas en espazos libres privados ou públicos peonís, poderase facer nos locais nos que o emprazamento o faga posible, cumprindo as medidas de distanciamento social e deixando pasos peonís, tal e como se recolle nas modificacións plantexadas. Ao igual que no caso anterior, as terrazas situaranse preferentemente na fronte da fachada do edificio e non se poderán instalar cubertas estables nin pérgolas.

A alcaldesa explicou que, a maiores, se plantexa a implementación dunha serie de medidas excepcionais que estarían en vigor durante a vixencia da aplicación da disposición transitoria actual. Entre as mesmas figura a posibilidade de instalar unha TV en cada terraza ata as 23.30 horas sen sistemas de amplificación do son; funcionar ata as 01.30 horas da madrugada ata o mes de setembro, incluído, e de outubro a decembro ata as 23.30 horas, excepto as noites do venres a sábado e de sábado a domingo, así como as vésperas de festivos, que poderán abrir ata as 01.00 horas. A partir da hora límite de funcionamento non se poderán servir máis consumicións e o recinto das terrazas deberá quedar baleiro no prazo máximo de trinta minutos.

“Co fin de que os hostaleiros e hostaleiras que o desexen poidan acollerse a estas medidas, que deberán aprobarse previamente no pleno e publicarse no BOP, dende o Concello tamén priorizaremos a tramitación administrativa das solicitudes que vaian chegando tanto para novas autorizacións como para modificar as autorizacións de terrazas que xa están en vigor”, subliñou Ferreiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.