O alcalde de Pontevedra e a concelleira de Benestar Social visitan o Banco de Alimentos

O Banco de Alimentos asiste nestes intres en Pontevedra a unhas 2.000 persoas en colaboración co Concello e con diversas asociacións. Leva repartidas 35,5 toneladas de comida dende xaneiro

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, desprazáronse esta mañá ata o almacén de Banco de Alimentos en Pontevedra para supervisar de primeira man a situación do acopio de produtos de primeira necesidade e manter un encontro co presidente da Fundación Provincial da entidade, Pedro Pereira; o seu vicepresidente, Iván Martínez, e o seu coordinador local, José Luis Doval. Tanto o rexedor municipal como a edil salientaron o labor que está tendo o Banco de Alimentos como unha “peza fundamental” para poder chegar ás familias que máis o precisan durante esta crise sanitaria, atendendo nestes intres a unhas 2.000 persoas na nosa cidade grazas á colaboración co Concello e con diversas oenegués.

Durante a visita, o propio Doval explicou que a entidade leva repartidas en Pontevedra dende xaneiro arredor de 35,5 toneladas de comida e que a axuda chega a unhas 20.000 persoas en toda a provincia. Unha tarefa que, como subliñou Fernández Lores, é aínda máis esencial nun contexto no que “se incrementan os problemas e as familias que o están pasando mal” e no que tamén a Concellería de Benestar Social e o comedor de San Francisco están a dar resposta co reparto de tuppers entre uns 200 usuarios e “con todos os que se lle están levando a domicilio aos nenos que Servizos Sociais tiña nos comedores escolares”.

“Quero agradecer e poñer en valor o traballo que están a realizar tódolos voluntarios, empresas e administracións aportando ao Banco de Alimentos os produtos perecedoiros e non perecedoiros fundamentais para que todo o mundo teña un mínimo cuberto no que se refire a alimentación neste momento de crise. O reparto sería imposible se non contásemos coa colaboración desinteresada dos voluntarios e dos traballadores municipais. O que desexariamos todos é que o Banco non fora necesario, pero mentres non melloren os mecanismos de reparto da riqueza cumpre unha función imprescindible”, subliñou o alcalde.

172 familias a través do programa Porta a Porta

A concelleira Paloma Castro lembrou que a colaboración entre o seu departamento e o Banco de Alimentos está a permitir “a cobertura de 172 familias a través do programa Porta a Porta” e que a entidade coordinada por José Luis Doval en Pontevedra tamén distribúe alimentos para diversas asociacións no municipio.

Pola súa banda, Pedro Pereira aproveitou a ocasión para demandar “máis cámaras frigoríficas que permitan ofrecer produtos conxelados, como pescado ou cárnicos” entre as familias beneficiarias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.