O BNG acorda co resto de grupos do Concello un plan de choque para “combater os efectos sociais e económicos da COVID-19”

O grupo municipal do BNG alcanzou un acordo co resto de grupos da Corporación para dotar a cidade dun Plan de Choque dirixido a combater os efectos sociais e económicos da Covid-19

O Plan, que se estivo elaborando en distintas reunións da Comisión de Facenda ao longo das últimas semanas e que foi presentado este venres en rolda de prensa, irá a Pleno o vindeiro luns. Mobilizará 13 millóns de euros, produto da reprogramación de partidas do orzamento 2020 e da aplicación de remanentes de tesourería de exercicios anteriores.

“É bon que na Coruña fósemos capaces de chegar a un acordo que, en troca, no Estado sería imposíbel, tendo en conta a crispación permanente na que está instalada a política estatal”, dixo Jorquera na súa intervención na conferencia de prensa.

Avanzou o portavoz soberanista que “non vou gastar un minuto en facer propaganda das propostas do BNG incorporadas a este acordo” para a seguir matizar que “afortunadamente as propostas dos distintos grupos tiñan un alto grao de coincidencia”, polo que “sería ridículo que agora nos disputásemos o copyright”.

En definitiva, “e con todas as insuficiencias que se queiran sinalar e todos os matices que se queiran facer”, o Plan de Choque atende as “prioridades” que cómpre ter en conta á hora de combater os efectos da pandemia, argumentou Jorquera. E é que se vai intervir en distintos ámbitos: desde o impulso público para favorecer a reactivación económica e a xeración de emprego pasando polo reforzo dos programas sociais para amparar as capas da poboación máis vulnerábeis até a articulación de “medidas específicas destinadas aos sectores económicos máis afectados polo parón da actividade, caso da cultura, o comercio, a hostelaría e, en xeral, os autónomos e as pemes”.

A crise da Covid-19 deíxanos, enfatizou, moitas ensinanzas e entre elas “a importancia de apostar por unha economía de proximidade, coas raíces na terra, baseada no aproveitamento e posta en valor das nosas potencialidades e recursos”. “A Coruña é unha cidade cunhas enormes potencialidades e recursos que agora máis que nunca cómpre mobilizar”, estendeuse.

En todo caso, o portavoz nacionalista pídelle ao Goberno Local, encargado de materializar o plan, a “máxima dilixencia” á hora de o vehiculizar. “Non abonda con orzamentar. Hai que xestionar e executar”.

Ao mesmo tempo, demandou “flexibilidade”. “Aínda non coñecemos a dimensión real da crise social e económica provocada pola pandemia. Os orzamentos teñen que ser unha ferramenta flexíbel, capaz de se adaptaren ás necesidades que dite a evolución da situación”, argumentou e a seguir remarcou que “por ese motivo, se é necesario dentro duns meses aprobar unha segunda modificación orzamentaria, fagámolo”.

Canto á Xunta e “outras administracións”, o BNG pídelles que “asuman e exerzan as súas responsabilidades”. “No plan que hoxe presentamos hai medidas para o comercio e a cultura, para favorecer o acceso á vivenda, axudas a PEMES e autónomos, medidas para o mantemento do emprego e incentivar a contratación”, relatou. “Mais en todas estas materias as competencias están residenciadas sobre todo na Xunta”, dixo, polo que, arguíu, “as medidas impulsadas dende o Concello non poden servir de pretexto para xustificar a inacción doutras administracións”.

CONDONACIÓN DA DÉBEDA DO PORTO

Na quenda de preguntas dos medios puxéronse sobre a mesa as declaracións do novo presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo, contrarias á condonar a débeda do porto da Coruña pola construción da dársena de Punta Langosteira.

A este respecto, o portavoz do BNG foi moi claro: “A condonación ou unha fórmula análoga é unha demanda absolutamente xusta. Estamos a falar dunha infraestrutura de titularidade estatal e, polo tanto, entendemos que os custos que conlevou a súa construción non poden representar unha hipoteca para a cidade”.

Alén diso, Jorquera pediu para A Coruña “igualdade de trato” a respecto das solucións arbitradas polo Estado no caso doutros portos. “En Valéncia condonouse unha débeda xerada non por unha actividade portuaria produtiva, que si sería o caso da Coruña, senón para a adecuación dos peiraos para acoller a Copa América e a Fórmula 1”, dixo.

Igualdade de trato e esclarecemento da “mala xestión” feita por parte da Autoridade Portuaria coruñesa que levou a un “sobre custo inadmisíbel na execución das obras do Porto exterior”. A necesaria investigación debería levar aparellada a asunción de responsabilidades, remarcou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.