O BNG critica “a pasividade da Xunta e do Goberno do Estado ante a estratexia de Alcoa de deixar morrer a factoría de San Cibrao”

Mónica Freire acusou a PP e PSdeG “de botar balóns fóra e non dar solucións” mentras se seguen perdendo postos de traballo na Mariñ

O BNG sacou adiante no pleno provincial desta mañá unha moción de apoio ás traballadoras e traballadores da factoría de Alcoa San Cibrao e ao persoal das empresas auxiliares, afectado por Ertes tras a decisión da alumineira de suspender as tarefas de rebrascaxe das cubas de electrolise.

A iniciativa recolle as demandas que a Plataforma de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores- trasladou a todos os grupos políticos e insta á Xunta de Galiza e ao goberno do Estado a actuaren para evitar que “continúe a perda de postos de traballo na factoría sancibrense”.

Na defensa da moción, presentada como proposta de goberno e aprobada por unanimidade, a deputada Mónica Freire manifestou “a solidariedade e apoio do BNG ao persoal que traballa na factoría”, que este martes recibía o anuncio “doutras medidas que afectan ao emprego” por parte da multinacional.

A deputada mariñá advertiu que “a empresa está a seguir a mesma estratexia que coas factorías da Coruña e Avilés” e acusou aos gobernos da Xunta e do Estado de “botar balóns fóra” e “non buscar unha solución”.

“A perda de actividade en Alcoa non está orixinada polo prezo da enerxía, que coa crise da Covid 19 baixou ata os 20 euros por Kw, senon que é algo premeditado por parte da empresa para deixar morrer a factoría”, argumentou a nacionalista.

“É inexplicable que ante esta situación, e coa crise industrial que soporta Galiza, non houbese unha mobilización das administracións públicas para salvar o emprego. E nisto teñen que estar tanto a Xunta como o goberno central que teñen as competencias e que ata o de agora non foron capaces de buscar unha solución. O que é inútil, e non lles soluciona nada aos traballadores, é botar balóns fóra”, sentenciou a deputada mariñá, que lembrou que “o BNG está a defender o emprego na factoría” en todos os foros nos que ten representación, con iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados

Derrogación da Lei Montoro

O BNG tamén sacou adiante, cos votos do PSdeG, unha moción sobre a elaboración dun plan galego de reactivación económica por parte da Xunta de Galiza e a derrogación da Lei de estabilidade e sostenibilidade financeira, coñecida como Lei Montoro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.