O BNG defenderá este xoves unha moción para esixir “a derrogación da Lei Montoro e permitir ao Concello destinar o superávit a reactivar a economía”

O portavoz do BNG en María Pita Francisco Jorquera vai defender no Pleno do Concello deste xoves 14M unha moción para esixir a derrogación da Lei Montoro, un texto legal aínda en vigor que impide ao concello da Coruña destinar o seu superávit orzamentario a combater os efectos socio-económicos da crise da Covid-19

A formación nacionalista procura o acordo do Pleno da Corporación para que o Goberno Local traslade á Fegamp, á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a demanda da derrogación dunha Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira que na práctica obriga o Concello a utilizar os remanentes orzamentarios de cada exercicio para amortizar débeda e non para atender as necesidades máis prementes da cidade, neste caso a defensa dos sectores socialmente máis vulnerábeis e a reactivación da economía.

“Sen derrogación da chamada Lei Montoro non é posíbel que os concellos poñan todos os seus recursos ao servizo das tarefas de reactivación da economía”, sostén Francisco Jorquera, quen a medio desta moción defende que o Concello poña sobre a mesa a necesidade de a Xunta iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación economía “consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais”.

Sería tamén preciso, salienta o portavoz nacionalista, que a Xunta puxese tamén en marcha un plan galego de axudas a autónomos e PEMES, esenciais no tecido produtivo do país, que “complemente as medidas do Estado”.

Para concluír, a moción pretende que a Corporación se pronuncie en contra da posibilidade, apuntada nalgunhas informacións xornalísticas, de que o Ministerio de Facenda se incaute dos “depósitos remanentes municipais no canto de permitir que sexan utilizados polos concellos en actuacións da súa competencia”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.