O BNG Lugo presentará unha moción de apoio aos traballadores de Alcoa e das industrias auxiliares

A proposta insta á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a intervir para evitar que as decisións da multinacional sigan xerando desemprego

O grupo provincial do BNG presentará ao vindeiro pleno da Deputación de Lugo unha moción de apoio as traballadoras e traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao e, especialmente ao persoal das empresas auxiliares, despois de que a dirección da multinacional anunciase a suspensión das tarefas de rebrascaxe das cubas de electrolise.

A decisión de Alcoa provocou o anuncio de Ertes que afectarán a uns cincuenta traballadores e que ameaza a viabilidade das empresas auxiliares, que dependen en boa medida dos contratos anuais da alumineira.  Ademais, os sindicatos coinciden en valorar a medida como unha ameaza para a continuidade da propia factoría cervense xa que, na práctica, a paralización das tarefas de rebrascaxe supón a paralización de entre 5 e 7 cubas ao mes.

Atendendo ás reivindicacións que a Plataforma de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores– ven de trasladar aos grupos políticos,  o BNG presentará ao pleno provincial unha moción que solicita adopción das seguintes medidas:

– Rexeitar a medida anunciada pola multinacional de non rebrascar as cubas

– Manifestar o apoio da institución ao persoal afectado polos Ertes anunciados

– Solicitar a mediación da Xunta de Galicia para evitar que sexa efectiva a decisión da multinacional e se busque unha solución para que non paren as cubas, así coma para que ningún traballador de empresas auxiliares perda o seu posto de traballo.

– Solicitar do Goberno do Estado a súa inmediata intervención para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría e non se perda ningún posto de traballo.

A deputada nacionalista Mónica Freire Rancaño agarda que  “a proposta teña o apoio unánime de todos os grupos políticos” xa que, argumentou, “a moción recolle as demandas dos traballadores das empresas auxiliares e traslada ao pleno provincial a preocupación polo que está a acontecer na factoría de San Cibrao e o perigo que as decisións da multinacional poden supoñer para o emprego na comarca”.

A deputada mariñá lembrou que “a actividade de alumineira supón, en condicións normais, un terzo do PIB da provincia” e remarcou que “nesta situación de crise provocada pola Covid 19, na que moitas actividades económicas están paradas a produción da factoría, considerada  actividade esencial nos decretos que acompañaron o Estado de Alarma, ten unha importancia aínda maior”.

Defensa do emprego e apoio aos traballadores en todas as institucións

Os grupos municipais do BNG na comarca da Mariña tamén instarán aos grupos dos concellos  a tratar e aprobar as propostas trasladadas polos traballadores das empresas auxiliares. A este respecto, a responsabel comarcal, Ana Ermida, sinalou que “a actitude do PP na Xunta negándose a reclamar a Alcoa que manteña a reparación de cubas tal como dixo o conselleiro Conde, amosa claramente a nula preocupación desta xente pola delicada situación que se está a vivir na Mariña, donde o desemprego avanza sen que desde o goberno galego se adopte ningunha medida ou solución dedicándose únicamente a botarlle as culpas ao goberno central”.

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón e a parlamentaria Olalla Rodil, que a pasada semana participaron nun encontro dixital cos traballadores das empresas auxiiliares, trasladarán as demandas dos traballadores ao Parlamento galego.

Pola súa banda, o deputado Néstor Rego, que tamén participou na videoreunión co persoal das auxiliares,  rexistrou este martes no Congreso unha iniciativa na que solicita ao goberno do Estado que interveña ante a decisión de Alcoa de suspender a rebrascaxe das cubas para evitar que os traballadores perdan os seus postos de traballo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho − catorce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.