O BNG pregúntalle ao Goberno local “cando pensa cumprir o seu compromiso coa veciñanza afectada polo Parque Ofimático”

A cuestión vaina formular Avia Veira no pleno do próximo 14M
A concelleira do BNG Avia Veira vaille dirixir unha pregunta oral ao Goberno Local no próximo pleno do xoves 14 de maio en relación á procura dunha solución para a veciñanza afectada polo Parque Ofimático.
No Acordo de Mandato asinado polo BNG e o PSOE en xuño de 2019, documento que fixo viábel a investidura de Inés Rey, o grupo municipal socialista comprometíase a resolver este problema ou ben a través da desafectación das vivendas ou por medio dunha solución urbanística alternativa sempre e cando fose consensuada coa veciñanza.
«Este é un dos puntos que compuña o acordo de mandato asinado hai case un ano. Esiximos que se cumpra. Os meses pasan e non se está a executar o acordado. A veciñanza do lugar merece unha solución e nós temos a obriga de demandar que o Goberno Local respecte os seus compromisos», afirma Avia Veira.
Foto: Cadena SER Coruña