O BNG ve positiva a declaración da Coruña como ‘Cidade 30’, e pide que “se complemente con medidas que poñan os peóns por diante dos coches”

O grupo municipal do BNG avalía como positiva a declaración da Coruña como Cidade 30, unha medida adoptada este mércores pola Xunta de Goberno Local despois de que o portavoz da formación nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, urxise a súa posta en práctica o pasado 4 de maio

“Apoiamos a declaración. Levabámola no noso programa electoral e hai unha semana instabamos o Goberno Local a acelerar o proceso”, afirma a concelleira do BNG Avia Veira, voceira nacionalista en asuntos relativos á mobilidade.

A Declaración está ben, mais ten que ir acompañada doutras medidas que vaian na dirección do coñecido como Modelo Pontevedra. “É preciso calmarmos aínda máis o tráfico e garantirmos mellor a seguridade vial. Hai que deseñar a cidade pensando nas persoas e non nos coches particulares”, afirma Avia Veira. Nese sentido, o BNG propón accións como a ampliación de espazos para peóns (imprescindíbeis para gardar as distancias de seguranza), a priorización do transporte público (implantanción de carril bus, incremento nas frecuencias dos autobuses, reorganización das liñas para atender as necesidades da xente traballadora) ou o artellamento dun sistema de aparcadoiros disuasorios ben conectados co transporte público.

“En resumo, dicimos si á Cidade 30, mais é necesario que esta Declaración leve aparelladas políticas que garantan un uso racional do coche e que prioricen e democraticen o espazo público para os peóns, como nos ensina o Modelo Pontevedra, implementado por un goberno do BNG e que, por certo, esta mesma semana vén de recibir un novo premio, desta volta da Comisión Europea”, conclúe Avia Veira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.