O bus urbano de Lugo deixará de ser gratuito a partir deste luns

Durante o proceso de desescalada, o pago realizarase coa tarxeta cidadá para reducir o risco de contaxio

O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo informou que, a partir do vindeiro luns, eliminarase a gratuidade do bus urbano que se puxera en marcha coa crise sanitaria do COVID-19. “Trátase dunha medida posta en marcha co inicio da crise sanitaria e que, co inicio da volta á normalidade vemos preciso eliminar”, afirmou Rubén Arroxo. O Tenente de Alcalde declarou que “para reducir o contacto entre persoal e usuarios e usuarias do bus, colocáronse mamparas de protección”.

“Durante o proceso de desescalada, o pago só se poderá realizar utilizando a Tarxeta Cidadá” afirmou Rubén Arroxo, que explicou, “coa Tarxeta Cidadá reducimos o contacto entre persoal e usuarios e usuarias do transporte público, o que na práctica se traduce en reducir os riscos de contaxio”. Ademais, o Tenente de Alcalde lembrou que “o prezo do billete redúcese de 0,64€ a 0,45€, ou 0,19€ no caso dos transbordos”. “Estes prezos poden reducirse aínda máis no caso de ter dereito a algunha bonificación, no caso de estudantes, desempregados, persoas con mobilidade reducida e pensionistas”, declarou Rubén Arroxo.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario 101 na web do Concello e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.