O Concello da Coruña cancela a tradicional cerimonia da Función do Voto

O Concello da Coruña anuncia que ante a situación de estado de alarma provocado pola COVID-19, na que se restrinxe a celebración de actos públicos e cerimonias de carácter civil, cancélase a cerimonia tradicional da función do voto.

Segundo a alcaldesa, Inés Rey, ante a imposibilidade de levar a cabo este acto, quere trasladar unha mensaxe a todos e todas os coruñeses e coruñesas que, de xeito simbólico, representa o espírito do acto que non se vai celebrar. “Hoxe sufrimos un asedio máis temíbel, se couber, que o de 1589. O inimigo de hoxe é tan perigoso como o de aquela, e está igual de presente, aínda que non o vexamos, polo que fai máis difícil defenderse. As coruñesas e os coruñeses debemos mostrar hoxe a mesma carraxe que demostramos hai 431 anos, cando fomos quen de non sucumbir perante un inimigo que atacou a cidade. Desta vez, a defensa virá da prudencia, da distancia social, da protección, da hixiene e do coidado, de seguirmos as normas que farán que todos xuntos, como daquela, tamén gañaremos esta batalla e a vida volverá encher as nosas rúas, o espazo da cidadanía”.

Neste senso, “Renovamos hoxe, discretamente, o voto de 1589. A saúde e o benestar de todos, a prosperidade da Coruña, depende, máis que nunca, da cidadanía toda, da responsabilidade de cada unha e de cada un. Esa é a nova María Pita á que seguir para vencer á COVID e podermos celebrar solemnemente a función do voto canto antes” apuntou a alcaldesa.

A función do voto lembra aquela xesta acontecida o 14 de maio de 1589, dez días máis tarde da chegada de máis de cen navíos e de máis de 20.000 homes dispostos a invadir a cidade, onde daquela se situaban as murallas, nun lugar non lonxe do actual Palacio Municipal de María Pita, unha muller valente, María Pita, foi quen de cambiar o curso da historia da cidade, que sufría o acoso da escuadra de Francis Drake. Desde aquela, nunhas datas ou noutras, estableceuse na cidade a función do voto, que lembra aquela xesta e serve como sinal de recoñecemento á que agora é patroa da cidade, a Virxe do Rosario, perante quen algúns coruñeses “formularan o voto” días antes da derrota dos invasores que comezou coa xesta de María Pita en loita co abandeirado inglés.

Aínda que a función do voto se comezou a celebrar no mesmo século XVI, non foi ata 1999 que o concello decidiu establecer que se celebrase o día 14 de maio, se coincidir ese día domingo, ou o domingo anterior noutro caso.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 − diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.