O concello de Pontevedra ponse ao día no pago das axudas para as Escolas Deportivas Municipais

A Concellería que dirixe Tino Fernández logrou liberar 653.344 euros en subvencións para os clubs deportivos de Pontevedra durante a crise sanitaria. A contía das EDM incrementouse nun 76%

A Concellería de Deportes levará mañá a Xunta de Goberno a aprobación das axudas para o desenvolvemento das Escolas Deportivas Municipais (EDM) durante a tempada 2019-2020, que aínda finalizará oficialmente o vindeiro 30 de maio. Deste xeito, o departamento que dirixe Tino Fernández logra reverter os atrasos acumulados durante o mandato anterior e poñerse ao día nas datas de pago das subvencións deste programa municipal de iniciación deportiva, que nesta última convocatoria incrementou nun 76% a súa consignación económica, pasando de 142.000 a 250.000 euros.

Este significativo aumento no financiamento das EDM tradúcese na posibilidade de subvencionar 700 prazas máis (de 2.400 a 3.100) e tamén nun incremento dun 36,67% nas axudas por rapaz inscrito: de 60 a 82 euros (de 40 a 50 euros no caso das EDM rurais). O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes salienta o importante esforzo económico realizado nesta liña de axudas como “unha decidida aposta pola promoción da
actividade física a través da iniciación ao deporte dos máis pequenos, contando co motor dinamizador do deporte federado, representado polos clubs e, no ámbito escolar, as Anpa”.

Tino Fernández explica que, dado o actual contexto de crise sanitaria, adoptouse a decisión de introducir en cada unha das liñas de subvención un parágrafo “que pretende dar seguridade e apoio ás entidades solicitantes fronte aos posibles efectos provocados pola pandemia da Covid-19”. Dito parágrafo recolle o seguinte: «En atención á causa de forza maior derivada da declaración do estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, tendo en conta que unha parte importante dos gastos da organización das Escolas Deportivas realizase ao inicio da execución dos programas e como medida para o mantemento dos postos de traballo derivados da organización das EDM, o tempo transcorrido da actividade durante o estado de alarma ou durante a duración das medidas extraordinarias adoptadas para a xestión da situación da crise, tal como o peche das instalacións deportivas e/ou centros escolares, entenderase
como tempo efectivo a efectos da subvención. Asemade, mantendo un criterio de prudencia na toma de decisións, a entidade organizadora poderá ampliar a duración da actividade no tempo que se considere oportuno, tendo a obriga de notificalo ao Servizo Municipal de Deportes e de garantir a vixencia do seguro de RC da actividade”.

Neste mesmo sentido, en aplicación da disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo (polo que se declara o estado de alarma), o Concello suspendeu os termos e interrompeu os prazos para a tramitación dos procedementos de concesións de subvencións e axudas públicas.

Pagando tamén subvencións anuais e axudas nominais

Tino Fernández subliña “o exemplar traballo levado a cabo polo Servizo Municipal de Deportes, coordinado por Jaime Agulló, para facer posible que, no que levamos de estado de alarma, se tramitasen axudas aos equipos da cidade por unha contía global que ascende a 653.344 euros”.

Aos 250.000 euros que mañá irán a Xunta de Goberno hai que sumar 300.000 euros das subvencións anuais de 2018 (período 2017-2018); os 91.494 euros correspondentes ao 70% que restaba por abonar das EDM de 2018-2019 (en plena fase de pago), e os adiantos do 30% de tres axudas nominais: 4.500 euros ao Mace Sport para a celebración do Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra (xa pagados), 4.200
euros á Sociedad Gimnástica pola organización do Medio Maratón (tamén pagados) e 3.150 ao CN Galaico para a promoción da natación (en fase de pago).

O concelleiro de Deportes indica que, ata o de agora, presentaron a documentación xustificativa relativa ás subvencións anuais de 2018 un total de 26 entidades, das que xa se revisou e se lles solicitou que a completen a de 22; está perfectamente xustificada e enviada a Intervención para a súa fiscalización a de 8, e queda pendente de revisión
a de 4.

“Agardamos que estas inxeccións económicas axuden a mitigar os efectos da pandemia na saúde dos clubs deportivos de Pontevedra e, en todo caso, o Servizo Municipal de Deportes segue a traballar sen descanso e xa está centrado na confección das bases das subvencións anuais de 2019 (período 2018-2019). Ao inicio do mandato, marqueime o obxectivo de poñer ao día o pago das axudas, que acumulaba varias tempadas de
demora. Tan só nun ano, grazas ao esforzo do Servizo, a meta acadouse coas EDM”, afirma o edil do PSOE.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.