O galego non é para coruñeses. Por @DulceCorcu

A Coruña sempre é vítima de chanzas sobre o seu castelanismo, do pouco apego e máis ben desprezo dos seus habitantes pola língua de Castelao, entre outros ilustres do noso país. Probablemente sexa esaxerado, pero que o grupo municipal do PP nese Concello veña de enmendar o regulamento das escolas infantís porque “impone el gallego” é algo que nos resulta tan coñecido coma prostituído. Tal regulamento, aprobado pola Xunta de Goberno local, pretendía a gratuidade dende o vindeiro curso e a língua galega coma vehicular na educación dos cativos de entre 0-3 anos. Adoutrinamento en toda regra, e faltóulle tempo aos señores concelleiros populares para botar as mans á cabeza e a enmenda no pleno, a celebrar este xoves.

Nun Ensino onde a língua propia é pura anécdota, con centros escolares onde non se emprega nunca, e con nenos e nenas que non a escoitan no seu entorno habitual, coñecer e falar galego xa é algo tan exótico que só a fala quen a elixe, non coma algo natural dende o berce coma foi en xeracións anteriores. Porque os netos daqueles avós cos que todos nos criamos agora aos seus descendentes agóchanlle a posibilidade de falar coma eles. Non vaia ser que lles faga lembrar vagamente que veñen da aldea. Que escarnio e deshonra. O famoso decreto do Plurilinguísmo de 2014, fito de Alberto Núñez Feijoo na súa cruzada para combater o galego, é o argumento dos señores concelleiros coruñeses para que as garderías non se convirtan en potenciais niños de nacionalistas ou, peor aínda, guerrilleiros de Resistencia Galega. Que se empeza dicindo “bos días” e acábase plantando pementos nunha leira no medio do monte ata que te vai deter a Garda Civil por terrorismo.
Na Coruña iso de “língua nai” non casa coa galega, e o grupo municipal do PP busca que así sega a ser. Porque galego para que, se non serve para nada en Madrid nin fóra de España, non coma o castelán que se fala dende Mongolia a Suráfrica, e por suposto en toda Europa, coma nos demostraba Mariano Rajoy naquelas cumbres da Unión Europea onde era o único con tradutor. Unha cidadanía que despreza un dos alicerces máis básicos da súa cultura coma é a língua, nunca poderá presumir de progreso nin de orgullo de seu. Claro que poñéndose na pel -brevísimamente, por favor- dos señores e señoras concelleiras do PP da Coruña…o máis posible é que xustamente iso sexa o que queiran evitar: galegos orgullosos de selo, que falan tan “bárbaro” coma os seus devanceiros, os morreron na emigración falando coma se seguisen vivindo en Chantada ou Fisterra. Sen complexos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.