O Porriño destinará 100.000€ para axuda á hostalaría, ao comercio de proximidade e aos autónomos

A primeira sesión plenaria telemática celebrada pola Corporación Municipal do Porriño acordou unha modificación orzamentaria que habilitará dispoñer de 100.00 euros que se destinarán a apoiar o reinicio da economía local. A proposta do equipo de goberno contou cos votos favorables dos concelleiros do PSOE, BNG, EU SON e UDDL. O PP optou pola abstención

Esta achega de 100.000 € “son para axudas ao comercio de proximidade, aos autónomos e para a hostalaría porriñesa para que teñan un pulo que lles permita reiniciar as súas actividades”, manifestou Eva Garcia de la Torre.

A alcaldesa non descartou que poidan acordarse novas modificacións orzamentarias en función das necesidades. “Imos ter que atender moitos frontes”, engadiu.

Eva Garcia lembrou que dende o principio do estado de alarma, o Concello está a destinar unha partida económica moi importante para emerxencia social en axudas alimentarias para as familias máis necesitadas. En datos ata o 30 de abril, 336 familias que agrupan a 847 porriñeses (536 adultos e 311 menores) recibiron axuda directa do Concello dende o 14 de marzo para a adquisición de produtos alimentarios frescos e de primeira necesidade. E que actualmente 758 persoas reciben semanalmente lotes de produtos non perecedoiros aportados polo Banco de Alimentos “SOS Porriño”.

Outros acordos

A sesión plenaria “on line”, a primeira que se celebra na historia do Concello do Porriño, durou preto de 4 horas e abordou unha orde do día con 18 asuntos. Entre os acordos máis salientables, resumimos os seguintes:

– Adxudicouse definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”. O control de calidade do servizo será supervisado por un técnico municipal, segundo comprometeu o goberno

– Acordouse por maioría, a aprobación inicial da nova Ordenanza de instalación de terrazas e veladores nos espazos públicos. Haberá un límite máximo de ocupación de 40 metros cadrados e non se permitirá a instalación de mesas e cadeiras nos soportais para garantir o uso peonil das vías públicas, segundo avanzou o tenente de alcalde Pedro Pereira. Á vista das actuais dificultades para o sector, a entrada en vigor da nova ordenanza adiarase ata outono, en función da evolución das crises sanitaria e económica.

– Aprobouse por unanimidade a Ordenanza do uso do galego no Concello do Porriño

– Quedou sobre a mesa a proposta de novo convenio coa S.A. de Xestión do Xacobeo para a xestión do Albergue de Peregrinos do Porriño.

Mocións

No tramo final do pleno, trataronse diversas mocións. O Partido Popular retirou dúas relativas á modificación dos puntos 25, 26 y 27 das bases de execución do Orzamento Municipal. Como xa estaban contempladas nun voto particular que o PP presentara no debate sobre a modificación orzamentaria, Alejandro Lorenzo, voceiro do grupo optou por retirar as mocións reservándose o dereito de solicitar proximamente un pleno municipal extraordinario.

Aprobouse por maioría a moción do grupo EU SON que defendeu o seu voceiro Pedro Ocampo solicitando medidas económicas e sociais fronte ao Covid-19. E tamén por maioría da corporación aprobou a moción do BNG que solicita a derogación da chamada “Lei Montoro” sobre teito de gasto nas administracións municipais.

A sesión plenaria pódese mirar nesta mesma páxina web no apartado “mediateca de plenos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.