O PP tende a man ao goberno monfortino para sumar e traballar conxuntamente para axudar aos veciños

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo unha reunión coa portavoz municipal do partido, Katy Varela, na que coincidiron en que para conseguir recuperar canto antes a normalidade é preciso apostar pola colaboración entre forzas políticas e axentes sociais

O grupo municipal do Partido Popular mantén a man tendida en Monforte, ao igual que no resto da provincia, para sumar, para colaborar co obxectivo de que a acción do Concello sexa o máis eficaz posible na axuda aos veciños para superar as numerosas dificultades sanitarias e económicas derivadas da crise provocada polo coronavirus Covid-19. Así se puxo de manifesto na reunión mantida nas últimas horas pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, e a portavoz popular na cidade do Cabe, Katy Varela, na que, ao mesmo tempo, mostraron a súa preocupación pola escasa vontade que demostra o alcalde, o socialista José Tomé, para tomar en consideración as propostas que recibe desde a sociedade monfortina e desde o propio Partido Popular.

A presidenta provincial do PP di que o obxectivo do seu partido é ser unha ferramenta útil para resolver os problemas da sociedade lucense, e de maneira moi sinalada en situacións especialmente complicadas como é a actual. Candia, ao fío da citada reunión, apuntou que é necesario que todas as forzas políticas entendan que o gran reto de todos os partidos nestes momentos e buscar fórmulas que permitan sumar, colaborar con eficacia. Neste sentido, Candia considera que son momentos de poñer en valor o concepto de participación. Así indica que deben ser tidas en conta as propostas que chegan desde distintos ámbitos da sociedade, non só desde o campo propiamente político.

Polo seu lado, Varela recordou as numerosas propostas que fixo o seu grupo, con total ánimo construtivo, ao goberno municipal, co fin de que o Concello xogue un papel determinante na axuda aos veciños para superar esta crise, nas súas diferentes vertentes. Lamenta que o goberno municipal, e sinaladamente o alcalde, o socialista José Tomé, non demostre interese en manter un diálogo fluído coa oposición e coa sociedade monfortina. Nesta liña aludiu á proposta feita polos médicos do centro de saúde de Monforte como é a peonalización de rúas do centro da cidade. Varela acaba de presentar un escrito no Concello para solicitar, de novo, a normalización da vida democrática no Concello e que, como parte dese proceso, sexa convocada sesión plenaria ordinaria da corporación, algo que non ocorreu nin en marzo nin en abril.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.