Os museos históricos e científicos de A Coruña celebran o seu día con vídeo-visitas

Isabel Zendal, María Pita, Caio Sevio Lupo ou Eusebio da Guarda protagonizarán estas pezas audiovisuais en que recordarán brevemente a súa relación cos centros e convidarán a veciñanza a que os volvan visitar pronto

Os centros museísticos da cidade realizarán distintas actividades polo Día Internacional dos Museos, baseándose no lema “Museos pola igualdade, diversidade e inclusión”. Aínda que as instalacións decidiron trasladar a celebración da efeméride ao 14 de novembro, de acordo coa proposta de ICOM (Consello Internacional de Museos) España, participarán igualmente na Semana dos Museos subindo contidos a través das redes co seu cancelo.

En colaboración co Consorcio de Turismo, organizarán tamén cinco vídeo-visitas breves caracterizadas. Nelas, distintos personaxes históricos da cidade, os cales gardan unha estreita relación cos museos e as casas, mandarán mensaxes de entre 20 e 30 segundos desde un punto de vista reivindicativo e de loita pola igualdade que farán fincapé na temática deste ano.

Por outra banda, crearase o cancelo #revivirosmuseos co fin de agrupar todas as achegas da cidadanía e dos museos e as e os personaxes rematarán a súa intervención con esta frase e cunha chiscadela ao público para que volva visitar pronto os museos. A embaixadora da Domus será Isabel Zendal, que abandeirou a Expedición Balmis, mentres que na Casa María Pita, a heroína saudará a veciñanza  nunha posta en escena que contará co arquitecto Caio Sevio Lupo, en representación da Torre de Hércules.

Pola súa parte, Juan Díaz Porlier protagonizará a peza desde o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, onde estivo preso pola súa condición liberalista e Eusebio da Guarda representará a Casa Picasso por estudar o pequeno xenio no colexio da praza de Pontevedra que leva o seu nome. Á súa vez, o museo MEGA da Estrella Galicia lanzaralles un reto aos museos municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.