Os servizos sociais de Ferrol realizaron xa unhas 5.600 intervencións desde o inicio da crise sanitaria

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, indicou que desde a declaración do estado de alarma recibíronse 140 chamadas diarias, unha cifra que agora descendeu a 90

O Concello de Ferrol, a través dos seus servizos sociais, que dirixe a edil Eva Martínez, realizou desde o inicio da crise sanitaria, a mediados de marzo, unhas 5.600 intervencións vencelladas coa tramitación de axudas de urxencia social, entre elas bonos de aluguer, apoio para a inclusión social, reparto de vales, o servizo de promoción da autonomía persoal e axuda a domicilio.

Un balance feito pola concellería de Benestar Social sobre os efectos da crise sanitaria polo covid-19 na poboación de maior vulnerabilidade e en situación de exclusión social revela que desde a declaración do estado de alarma, o 14 de marzo, os servizos sociais recibiron unha media de 140 chamadas diarias, unha cifra que na actualidade descendeu a 90.

Os servizos sociais entregaron nestes dous meses 575 vales para mercar alimentos e medicamentos —cunha media de quince diarios— e 245 becas de comedor, o que supón un total de 820 familias beneficiarias. Estas axudas supuxeron un gasto de 175.260 euros.

Entre as xestións feitas neste tempo atópanse as altas de urxencia de teleasistencia, garantir o servizo de axuda a domicilio, a ampliación dos niveis de protección, a posta en marcha do servizo telefónico de atención psicolóxica para atender a persoas que a necesiten debido ao estrés, medo ou incerteza que a pandemia poida xerar e tamén a coordinación con outros servizos públicos na xestión e reparto de axudas, como Policía Local, Protección Civil, centros sanitarios, a Casa da Muller, Cruz Vermella, residencias de maiores, empresas de axuda a domicilio, Cáritas, o Banco de Alimentos, Adra, Patronato Concepción Arenal, Dios y Pan e Arraigo.

Máis persoal para axilizar xestións

Os servizos sociais de Ferrol reforzáronse a finais de abril coa incorporación de tres traballadores sociais e outros tres auxiliares administrativos que, entre outras tarefas, axilizan as peticións da Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia), unha axuda na que actualmente hai preto de 450 altas. Os novos empregados tamén intensifican a tramitación de outras solicitudes de axudas, como as de emerxencias sociais, cunha media de 60 tramitacións, e as peticións do Saad (Sistema para a autonomía e atención á dependencia), con 80 solicitudes.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

10 − dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.