Persoal de Protección Civil e do Centro de Recursos Solidarios de Narón entregou máis de 108 toneladas de alimentos ás familias máis vulnerables

Persoal voluntario de Protección Civil e do Centro de Recursos Solidarios continúa traballando no reparto de alimentos e produtos de hixiene ás familias máis vulnerables

Dende que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo, xa se entregaron dende as citadas instalacións un total de 108,23 toneladas de alimentos e produtos de hixiene a aquelas persoas que precisan nestes momentos axuda para ter alimentos e produtos de hixiene.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asegurou que “as persoas son en todo momento a prioridade do goberno local de Narón e dende o Concello temos á súa disposición todos os recursos dispoñibles da administración cada día, incrementándoos e reforzándoos en momentos como nesta crise sanitaria, que está tendo efectos devastadores na nosa sociedade ata o punto de que moitas familias que antes non precisaban axuda para alimentos nestes momentos si que a requiren debido á súa situación persoal”.

Ferreiro explicou que na actualidade son unhas duascentas familias as que reciben axuda a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón. “Cada un dos casos é analizado a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, que deriva ás persoas que precisan esa axuda nestes momentos para dispoñer da mesma a través das citadas instalacións”.

Os voluntarios de Protección Civil e o persoal do Centro de Recursos Solidarios de Narón colaboran a diario na organización dos lotes que se entregan a cada familia, que se preparan atendendo ao número de persoas que integran a unidade familiar. A entrega realízase atendendo a todos os protocolos establecidos ante esta crise sanitaria da Covid-19, ofrecendo as máximas garantías de hixiene e sanitarias.

Ferreiro recordou que entre o 4 e o 9 de maio o Concello impulsou unha campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, na que se recolleron algo máis de once toneladas. “Persoal voluntario e do Centro de Recursos Solidarios, ao que quero agradecer de novo a súa total implicación e entrega en diferentes accións que estamos levando a cabo dende o Concello para axudar ás nosas veciñas e veciños, desprazouse ata catorce establecementos de alimentación polas mañás para colaborar nesta campaña que foi todo un éxito grazas tamén á excelente acollida que tivo entre todas as persoas que colaboraron realizando doazóns”, asegurou Ferreiro.

Na actualidade o Centro de Recursos Solidarios dispón de alimentos e produtos de hixiene para poder atender ás familias que están requerindo axuda, pero calquera persoa que poida doar –tanto alimentos e produtos de hixiene como roupa- pode facelo nas propias instalacións, ubicadas no polígono da Gándara (xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz). O horario de apertura é de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 e recomendase chamar previamente aos números de teléfono 881 308 349 ou 722 724 782 para concertar unha cita para a entrega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.