Petición para a integración da Universidade no órgano que tramitará a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial

A concelleira Eva Martínez Montero trasladará á Xunta de Galicia a súa vontade de que a institución académica e o campus da cidade formen parte da xestión da proposta . A edil solicitou a pasada semana unha reunión coa Dirección Xeral despois de que a prevista para o mes de marzo finalmente non se celebrara pola crise sanitaria da Covid-19

O pasado venres solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia unha reunión para avanzar na elaboración do expediente e “definir o órgano de xestión que se encargará da candidatura da nosa cidade”, explicou Martínez. Neste senso, a edil considera “fundamental” que a Xunta participe de forma activa na xestión ao tempo que destacou o seu labor desenvolvido ata o momento. Ambas administracións tiñan prevista unha reunión o pasado marzo, pero finalmente non se celebrou polo avance da crise sanitaria causada pola covid-19.

Colaboración na posta en valor do patrimonio

No próximo encontro, Martínez solicitará á Dirección Xeral que a Universidade da Coruña (UDC) e o campus de Ferrol, a través da facultade de Humanidades, formen parte do órgano de xestión da candidatura a Patrimonio Mundial. Para abordar este asunto, esta mesma semana a edil mantivo unha reunión coa vicerreitora do campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e coa decana da facultade de Humanidades, Manuela del Pilar Santos Pitas, na que lles trasladou a súa vontade de integrar a súa comunidade educativa na misión de preparar a proposta da cidade. “Coincidimos na importancia de que desde Humanidades se pilote a participación da Universidade na candidatura”, dixo a edil, e destacou a “boa disposición” mostrada durante a reunión. Na xuntanza tamén abordaron a posta en marcha de outras medidas conxuntas co fin de poñer en valor o conxunto do patrimonio histórico da cidade.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − 12 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.