Ponteareas conta xa con máis dun quilometro de zonas de paseo peonil

A concellaría de Mobilidade e Tráfico xa traballa nunha segunda fase de actuacións que incluirá novos espazos peonís, reordenación do tráfico e sentidos de circulación ademais da ampliación de aparcamentos disuasorios e periféricos

A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe o concelleiro Roberto Mera concluíu a primeira fase de actuacións para mellorar a mobilidade das persoas na vila de Ponteareas.

Os traballos realizados, basicamente de pintado sobre a calzada, supuxeron a creación de máis dun quilómetro de pasos peonís distribuidos por numerosas rúas de Ponteareas. Mera sinalou que “estas primeiras actuacións centráronse no máis urxente, pero nas vindeiras semanas os traballos continuarán na mesma liña e cun obxectivo no que este goberno está empeñado, recuperar a vila para as persoas. Durante décadas as persoas fomos marxinadas e arrinconadas no espazo público en favor do vehículo a motor que se apropiou del masivamente. Agora Ponteareas toma a senda das cidades e pobos europeos que apostan pola calidade de vida nas zonas urbanas, reducindo a contaminación ambiental e acústica e potenciando os desprazamentos a pé”.

As actuacións executadas tiveron como fin asegurar que os peóns conten con itinerarios de anchura axeitada e sen interrupcións nin atrancos, para camiñar con seguridade e comodidade. Por unha banda creáronse zonas de paso peonil onde non existían beirarrúas, como en tramos de Emilio Rodríguez, Castiñeira, Carballos a carón da Estación de Autobuses, Amado Garra desde Azorín até Castelao ou Paseo Matutino. Ademais habilitáronse pasos de peóns en interseccións onde non existían como en Trobador Xoán García co parque Ferro Ucha, da Casa do Concello a Constitución ou en Ramiro Sabell, Perillana e San Roque, todas elas coa Avenida de Castelao. Ampliáronse, con novos carrís peonís, as beirarrúas en tramos das rúas Concha Brey, Redondela, Castañal, Praza de Bugallal e en todo o trazado de Senén Canido e Constitución. Tamén se deu comezo á creación de zonas de 10 metros de visibilidade en pasos de peóns como en Avenida de Galicia, Castiñeira ou Vidales Tomé, que até agora carecían de visibilidade polo estacionamento de vehículos, poñendo en risco aos peóns ao cruzar o paso de peóns. “Sabemos que quedan aínda moitos lugares sen pasos de peóns ou con pasos sen visibilidade e con atrancos para camiñar. E imos solucionalo durante os vindeiros meses”, aclarou Roberto Mera.

Por outra banda, sinalizáronse a práctica totalidade dos pasos de peóns con frechas azuis nas beirarrúas para orientar a circulación dos peóns de maneira que o fagan pola súa dereita para mellorar o distanciamento social evitando o cruzamento entre persoas.

Por último, comezouse a colocación en todos os portais da vila dun cartel informativo coas novas normas de mobilidade decretadas no centro urbano. As rúas teñen a consideración de residenciais o que conleva a prioridade dos peóns na calzada e a obriga dos vehículos de circular a 20 km/h dando preferencia aos peóns. Na Avenida de Castelao e na Rúa Real as beirarrúas son de dobre sentido e recoméndase igualmente circular pola dereita. Na vindeira semana instalarase en todas as entradas do centro urbano a sinalización vertical que informa destas novas norma aos condutores e condutoras.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 + 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.