#PonteLovers e a Asociación de Autónomos unen forzas no plan ‘Reinicia o teu Negocio’

A plataforma da Concellería de Promoción Económica financia este plan de acción que inclúe un ciclo de sete encontros virtuais e asesoramentos individuais para 25 negocios ou microsectores

Un ciclo de sete encontros virtuais coa participación de expertos en xestión empresarial e asesoramentos individuais para 25 negocios ou microsectores son as principais propostas do plan de acción ‘Reinicia o teu Negocio’ (#PonteLoversPemes), impulsado conxuntamente pola plataforma #PonteLovers e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE). A iniciativa, financiada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, desenvolverase entre a segunda semana de maio e finais de xuño, coincidindo coa fase 2 da campaña de recuperación das actividades comerciais de proximidade, e pretende dotar aos autónomos e ás pemes de ferramentas ante un futuro incerto.

A responsable do departamento municipal, Yoya Blanco, fai fincapé na importancia deste tipo de plans de acción concretos, xa que “tódalas análises coinciden en que o mercado virou e, polo tanto tamén o fixeron os consumidores”. “Hai un novo cliente, afectado nos seus valores e comportamentos, que vai pedir cousas diferentes ás empresas. Hai un novo xeito de consumo, que vén dado por esa modificación de valores. Hai unha nova realidade dixital que vai moito máis aló de ter aberta unha web, tenda online ou redes sociais. E hai novas oportunidades de negocio que aparecen e outras que haberá que abandonar ou adiar”, subliña a edil do PSOE.

Ante esta necesidade de cambiar ou esmorecer e de realizar rápidos cambios organizativos, tecnolóxicos, loxísticos, de comportamento comercial e de fórmulas de márketing e comunicación cos clientes, o proxecto da plataforma #PonteLovers e APE-Galicia busca axudar a pemes e autónomos a reflexionar sobre esa nova estratexia de negocio, individualizando caso por caso. Así, entre os obxectivos do plan ‘Reinicia o teu Negocio’ contémplanse os de entender a dimensión dos cambios que se produciron e potenciar a actitude de reacción inmediata, favorecer a reflexión estratéxica en cada comercio e activar e guiar de xeito individualizado ou por microsectores ás pemes de Pontevedra.

‘Compartindo experiencias’, as temáticas

Baixo o lema de ‘Compartindo experiencias’, a primeira das accións deste proxecto é un ciclo de sete encontros virtuais con temáticas transversais para o tecido comercial e económico da cidade (a celebrarse tódolos luns e xoves): 1. A nova relación cos clientes: como coñecelos e atendelos; 2. Novos valores: hixiénico-sanitarios, solidariedade, personalización; 3. Novo servizo ao cliente: da personalización á loxística; 4. O equipo comercial e as técnicas comerciais axeitadas hoxe; 5. Novos espazos físicos. Tendencias de imaxe e márketing; 6. Tendencias en comunicación empresarial: dixital e física, 7. Estratexia dixital. Erros a evitar e rendibilidade da inversión.

O ciclo de #PonteLovers e APE estará coordinado polo consultor de negocios e formador en empresas Miguel Ángel Souto Fraga, director de CIMAK Consultores de Ventas e Márketing en Pontevedra, docente en Galicia Business School e APE Galicia, cofundador de Markea-Asociación Galega de Márketing e ex director comercial e márketing de Cerámicas de Sargadelos, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra e Engel & Völkers Galicia. Para a celebración das xornadas convidarase a profesionais especializados en cada unha as áreas.

Segundo explica Yoya Blanco, a segunda das accións do plan consiste nun asesoramento individualizado para 25 negocios ou microsectores. “Estas sesións deben ser singulares, porque cada negocio ou microsector é distinto. A través de dúas videoconferencias con expertos en xestión empresarial, dunha hora cada unha, axudaráselles a enfocar ben a reapertura e a nova saída ao mercado cun plan de relanzamento”, sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.