Pontevedra pon en marcha esta semana unha nova campaña de control da poboación urbana de gaivota

O servizo contratado por sétimo ano consecutivo á empresa especializada Larus Control por máis de 18.000 euros inclúe o control da pomba común nas prazas de España e A Ferrería

Os técnicos da empresa especializada Larus Control porán en marcha nestes días unha nova campaña de control das poboacións urbanas de gaivota patiamarela e pomba común. O servizo, que ten carácter gratuíto e que foi contratado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra grazas a un investimento de 18.126 euros, adaptarase este ano aos condicionantes da crise sanitaria da Covid-19, co establecemento dun protocolo de seguridade específico nas visitas aos edificios afectados.

Así, á hora de acceder aos tellados dos inmobles para retirar niños de gaivota patiamarela, os técnicos de Larus Control adoptarán diversas medidas de prevención, entre elas, acudir provistos de elementos como mascarillas, pantallas de protección, luvas e xeles desinfectantes, coa finalidade de evitar contaxios tanto entre os residentes como entre os
propios traballadores. Segundo precisa o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, a campaña de control de nidificación das especies silvestres, que se realiza por sétimo ano consecutivo no concello de Pontevedra, inaugurarase este venres 15 “coas chamadas de verificación previa aos afectados”, comezándose xa coas intervencións sobre o terreo “a partir do vindeiro luns 18 de maio”.

O edil socialista lembra que o servizo “pretende acadar unha mellora na calidade de vida dos cidadáns, efectuando unha correcta xestión da poboación destas aves para previr e evitar o crecemento desmesurado das mesmas e a aparición de posibles pragas e problemas de salubridade pública, ao tempo que se asegura o benestar destas especies”.

“Os principais obxectivos -explica Puentes- son a redución e desprazamento das poboacións de aves que colonizaron o medio urbano, facendo uso do mesmo para alimentarse dos residuos e sobras xerados e empregando os tellados para establecer as súas zonas de crianza. Esta situación motiva problemas para os cidadáns, ruídos, malos olores, desperfectos nas cubertas e ventás e incluso ataques ao ser humano”.

De 250 parellas de gaivota en 2014 a 121 en 2019

Entre os anos 2014 e 2019, grazas ao mantemento no tempo do servizo prestado por Larus, o Concello de Pontevedra conseguiu reducir de xeito substancial os seus problemas de superpoboación de gaivota patiamarela, pasando das máis de 250 parellas censadas no ano 2014 ás 121 rexistradas na tempada de crianza de 2019. Tal e como apunta o responsable da empresa, Juan Fraga, o plan de actuación “consistirá nun estudo poboacional inicial das gaivotas que empregan o medio urbano durante a época reprodutiva e da súa distribución na cidade”. “O estudo dará comezo nestes días -subliña o experto- e complementarase cunha campaña de retirada de niños, o que proporcionará unha referencia exacta do problema xerado no concello”.

Fraga asegura que os técnicos de Larus finalizarán as tarefas de control dos tellados con problemas no mes de agosto, “realizando un mínimo de dúas visitas a cada tellado para impedir o nacemento das postas”. As intervencións serán protagonizadas por equipos de dous profesionais, que se desprazarán ata os inmobles para realizar unha revisión ocular da cuberta afectada e retirar os niños atopados e o seu contido (ovos, polos).

“Posteriormente -engade Juan Fraga- levarase a cabo o mesmo procedemento cun mes de diferencia entre visitas”. Deste xeito, conséguese desactivar a capacidade reprodutora das gaivotas patiamarelas, que acadan a súa madurez neste eido en ciclos de entre tres e catro anos e que, en moitos casos, emigran a Pontevedra dende espazos naturais próximos nos que existe unha superpoboación e unha competitividade enorme, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os niños de gaivota adoitan a conter uns tres ovos, dos que dous polos soen saír adiante e un deles acada a madurez, producíndose un repunte de exemplares cada catro anos.

Un vello estudo feito público en 1986 situaba a poboación de gaivotas en Pontevedra en 50 parellas, o que pon de manifesto o notable incremento que se deu en anos posteriores por unha especie de ave que, como sinala Juan Fraga, “aproveita sempre o que os humanos lle ofrecen: antes eran os restos da pesca, agora o lixo e os ‘pinchos’ das terrazas”. Non obstante, as campañas de control fixéronlles mudar incluso as súas tendencias á hora de asentarse na cidade, sendo inicialmente a zona vella a área máis conflitiva (alí se rexistrou a primeira colonia), ampliando posteriormente o seu territorio cara ao ensanche e escollendo o extrarradio nos últimos anos.

Batidas para retirar ata 300 exemplares de pomba común

Á vez que se desenvolve o servizo de control da gaivota patiamarela, Larus tamén porá en marcha un específico para a pomba común, que terá como espazo de actuación esencial os contornos das prazas de España e A Ferrería. Neste caso, a campaña traducirase nunha retirada e desparasitación de exemplares adultos, soltando en ámbitos naturais alonxados de núcleos urbanos aqueles que non supoñen un risco de salubridade e sacrificando os restantes.

Iván Puentes constata que, entre maio e setembro de 2019, os traballos de Larus saldáronse coa retirada dunhas 300 aves desta especie, reducindo a poboación de pombas comúns dos 750 aos 450 exemplares.

O edil do PSOE fai fincapé na necesidade de manter este tipo de controis, ao existir “edificios moi antigos, que funcionan practicamente como pombais incontrolados”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible afirma que, ademais de actuar en base a protocolos de prevención contra a Covid-19, os técnicos contan coa preceptiva autorización da Xunta de Galicia. O socialista roga “a máxima colaboración tanto dos veciños afectados como dos cidadáns en xeral que detecten algún problema, xa que desta cooperación dependerá en gran medida a obtención duns óptimos resultados”.

Todos aqueles que así o desexen poderán solicitar o servizo a través do teléfono da empresa concesionaria (689 838 359) ou da dirección de correo electrónico laruscontrol@hotmail.com.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.