Revista do Fútbol Feminino Galego – Número, 80 (maio, 2020) Lis Franco comprometida co fútbol feminino

Carlos Castro

A suspensión das competicións aumentou o noso tempo da reflexión. Saídos da loucura das competicións, nada mellor que o tempo para pensar. Nese sentido quixemos traer por primeira vez a universidade á Revista, aproveitando que unha vicerreitoría da Universidade da Coruña está ocupada por Cristina López Villar, profesora da facultade de Ciencias do Deporte. Como é imaxinable, falar con ela significa ir moito máis alá do fútbol e presentar unha visión académica do deporte. Era algo que desexabamos desde hai moito tempo. Poucas veces dáse a oportunidade de falar de deporte desde o punto de vista académico é resulta moi pracenteiro facelo, tanto polo novidoso como porque rompe unha dinámica que ás veces se volve un tanto repetitiva seguindo unha estrutura clásica de entrevista.

Mudando de asunto, a xestión do estado de alarma por causa da covid-19 está levantando polémicas. Non nos referimos á vida política, senón ao fútbol feminino. A RFEF tomou a determinación de poñer fin á temporada, deixando unicamente aberta a posibilidade para a celebración dunha fase de ascenso entre os sete líderes de cada grupo e o mellor segundo de todos eles na Primeira Nacional. Incorporamos un artigo analítico do que todo isto representa e os trasfondos que poden existir atrás desas decisións que non deixan contentos a moitos e salvan a vida duns cantos condenados nun ano electoral no seo do máximo organismo futbolístico español. Curiosamente, esa porta aberta á fase de ascenso no terceiro chanzo do fútbol español pode ficar reducido a cinzas, pois varios dos equipos implicados na mesma falan da difícil situación económica na que viven, facendo inviable que poidan acudir a unha sede única para loitar durante varios días por dúas prazas de ascenso. Nada mellor que unha crise para mostrar o mellor e o peor de cadaquén, para revelar o nivel de compromiso co fútbol feminino de todos aqueles que se lucran de titulares grandilocuentes coa foto de rigor nas épocas de vacas gordas. Está claro que o necesariamente inmediato logo da sinatura do Convenio é mudar a Lei do Deporte, cuxa filosofía caducou logo de trinta anos, e que a elite do deporte feminino en España teña o recoñecemento legal e laboral que merece.

PUBLICIDADE

Comprometidas: Lis Franco

O seu nome completo é longo, Luisa Victoria de Fátima. Parece deses de culebrón latino, o que non resulta estraño se temos en conta que as súas orixes circunstanciais están en Caracas. Porén, nin o nome pola que é coñecido é así nin a súa vida é unha simple ficción para gastar un pedazo de tempo diante dunha pantalla.

Lis Franco é unha futbolista de verdade, cun ADN de moitos quilates. O seu pai, Rafael Franco, o futbolista, non o político paraguaio, xogou en verdadeiros equipazos como o Newell’s Old Boys, Chacarita Juniors e River Plate, da súa Arxentina natal, ou o Nacional colombiano e o Marte mexicano antes de que chegara á Coruña para ser parte fundamental da historia deportivista, sendo un dos integrantes daquela dianteira denominada “orquestra Canaro”, xunto a Corcuera e Oswaldo á súa dereita e Moll e Tino á súa esquerda. Pero a historia de Lis comeza sendo o seu pai técnico en Venezuela. Alí comezou a impresionar á xente, confundida de lonxe como se fose un rapaz. O seu toque de balón levou a un crego a avisar o seu pai que acababa de descubrir a un pequeno gran xogador para a súa escola. Cando Rafael Franco mirou de lonxe percibiu que o rapaz era a súa filla.

 

O de Catamarca volveu a España para dirixir ao Ciudadela antes de asentarse de novo en Galiza, logo de que fose contratado polo Racing de Ferrol.

Lis xa non volvería marchar nin deixar de sentirse galega. A súa presenza nesta terra coincidiu con desenvolvemento do Karbo. Era a máis pequena do equipo e acabou sendo a rapaciña máis protexida do grupo, “a mascota” que di ela. O seu fútbol encaixaba plenamente no daquel equipo gañador. Lis xogaba na área, marcaba goles,

pero tamén sabía ficar algúns metros por atrás para recibir, combinar e dar o pase definitivo a calquera compañeira coa que coordinara un desmarque de ruptura, antes de bater á guardarredes rival. Lis é unha futbolista importantísima para o fútbol galego. Antes de que o noso deporte fose acollido de xeito oficial no seo da Federación Galega, a galega formou parte da primeira e única protoselección galega da historia, a que xogou en Ferrol contra a poderosa Castela, dirixida por Rafael Ruiz Muga, un dos homes máis importantes na historia do fútbol feminino español. Curiosamente, no banco local estaba outro dos históricos importantes, José Mañana, exercendo de seleccionador galego. O partido tivo lugar no Manuel Rivera o sábado, 30 de agosto de 1975. Diante de 2.500 seareiros, as castelás venceron por 0-5. Lis entrou ao partido no descanso, con todo resolvido, substituíndo a Junquera. A pequena estreouse coa selección absoluta con 11 anos, 4 meses e 16 días, sendo o caso máis precoz na historia do fútbol galego e, tal vez, español.

Lis Franco entre Luis Suárez e José Mañana.

 Seis anos máis tarde, cun fútbol moito máis maduro, formou parte dun dos mellores cadros da historia do fútbol feminino español. Co Karbo, e dous goles seus na final, gañou en Tarragona a Copa Reina Sofía, título oficioso que recoñecía ao equipo máis poderoso de España. Despois, cando Pablo Porta abriu as portas ao fútbol feminino na Federación Española, Lis non desaproveitaría a oportunidade de sumar ao seu historial os tres primeiros títulos de campioa de España co conxunto herculino. Pero a lista de méritos non quedaba aí. Así, axudou a que a irmandiña trouxera para Galiza o primeiro Campionato de España de Seleccións, derrotando primeiro a Cataluña en Badalona, e despois a Guipúscoa no campo do F.C. Barcelona por 2-1. Polo medio está a súa presenza no primeiro partido xogado pola selección española, no que o conxunto hispano perdeu na Guarda contra Portugal. Non defendeu máis veces as cores vermellas polo seu pánico a viaxar en avión. Malia todo, puido ser a autora do primeiro gol de “la roja” se atinara nun penalti no segundo encontro da historia da selección dirixida por Teodoro Nieto. Pero aquel 30 de marzo de 1983 non era o seu día. Errou o penalti contra Suíza e o partido de Aranxuez rematou como comezou.

Lis tivo que deixar o fútbol cando este desapareceu temporalmente de Galiza. No 1988 acabáronse as combinacións con Inma Castañón, os pases a Rory e Encarna, os canos ás rivais e os goles ás mellores porteiras hispanas. Ela, que sempre confesa levar un balón no maleteiro do coche, non podía deixar de xogar. A corrente futbolística non se perdeu de todo e moitas daquelas futbolistas pasaron ao fútbol sala, formando parte de dous equipos importantes na liga española desa modalidade: o Sal Lence da Coruña e o Meirás, da comarca de Ferrol. Lis enrolouse neste último e aínda tivo a ocasión de gañar unha Copa da Raíña.

Coa ollada posta no fin da súa carreira futbolística e coa de dereito na man, acabou entrando no mundo do xornalismo deportivo por casualidade, usurpando a personalidade do pai, escribindo as crónicas do Deportivo para o xornal Marineda. Foi só o comezo dunha traxectoria ligada á información deportiva. Máis en serio comezou a traballar para El Ideal Gallego, para Marca, La Voz de Galicia, Radio Voz e a Radio Galega. Despois pasaría ao audiovisual, sendo xefa de deportes de Telecoruña, Localia e directora da produtora Meiga Audiovisual. O último en radio foi o programa “Ellas juegan” na emisora Onda Cero. Lis tampouco foi quen de permitir que a súa pulsión competitiva morrera e desde hai uns anos volveuse unha experta no pádel, deporte no que está implicada case ao cento por cento, dirixindo o A1 Pádel, situado na rúa Galileo Galilei do coruñés polígono da Grela. O seu compromiso co deporte, en calquera dos seus eidos, é algo que está presente en cada día da súa vida.

Por tantas cousas que lle deu ao noso fútbol, o pasado mes de decembro Lis Franco recibiu da Revista do Fútbol Feminino a trofeo que recoñece a súa importante traxectoria histórica. Foi un fermoso reencontro co seu antigo técnico, José Mañana, que recibira ese premio na Gala do Fútbol Feminino anterior, e aceptou estar en Cambre para ser a persoa que lle entregara o galardón á inesquecible atacante do Karbo.

José Mañana entrega a Lis Franco o trofeo co que se lle recoñece toda una brillante traxectoria no fútbol feminino.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.