Rocío Fernández Guerra e Lucía Rodríguez Fontanes gañadoras do VIII certame de microrrelato ‘online’ en lingua galega do Concello de Ourense

A Concellería de Educación do Concello de Ourense designou as gañadoras da oitava edición do certame de microrrelato online en lingua galega, celebrado co gallo da Semana das Letras Galegas, e que este ano levou por tema “Galiza máxica”. O obxectivo deste certame é o de fomentar o uso do galego a través da capacidade creativa dos escolares da nosa cidade.

O xurado único estivo formado polo escritor galego Héctor Cajaraville que acordou establecer os seguintes premios: en categoría infantil, Rocío Fernández Guerra, de 6º de EP do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, polo seu traballo “O que nos rodea”; en categoría xuvenil, Lucía Rodríguez Fontanes, de 2º de ESO do IES Otero Pedraio, polo seu traballo “As dúas caras”.

A concelleira de Educación, Mª Teresa Rodríguez Garrido, felicita as gañadoras e destaca a gran calidade e orixinalidade dos traballos presentados. Os premios sempre están relacionados coas novas tecnoloxías, e este ano as gañadoras recibirán unha tablet que poderán recoller no seu centro de ensino, xa que este ano a entrega oficial de premios quedou anulada pola situación de alerta decretada pola pandemia da COVID19.

Modalidade Infantil: Rocío Fernández Guerra, 6º curso de EP do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso

O QUE NOS RODEA

Non cómpre mirar máis aló das montañas que nos rodean, os prados verdes ou as nosas praias.
Recordar as lendas antigas ou falar o noso idioma. Ver como no inverno os ríos desbordan de auga e no verán secan.
Ir ás aldeas e admirar o que nos rodea.
Pechar os ollos e escoitar cantar a algún paxaro e encher os nosos pulmóns de aire limpo.
Non cómpre nada máis para decatarse de que Galicia é máxica.

De súpeto toda a clase estalou nun gran aplauso, e a profe de lingua, cun sorriso na cara, exclamou: “Felicidades Uxía, levas Galicia no teu corazón”.
Logo de xantar, Uxía colleu a súa bici e foi dar un paseo monte adiante.
Ao chegar xunto un pequeno regato no medio dunha fraga berrou canto puido: “Galicia, ti verdadeiramente es máxica”.
Despois duns segundos, na cima dunha árbore, un cuco contestoulle anunciando a chegada da primavera.

Modalidade Xuvenil: Lucía Rodríguez Fontanes, 2º da ESO do IES Otero Pedraio.

AS DÚAS CARAS

Era xa moi tarde e axiña anoitecería. Estabamos sós na cociña, sen dicir nin palabra. O incómodo silencio apertábame a gorxa; quería falar, mais non podía; cada vez que tragaba a comida caíame algún insulto sen razón. Cando menos o esperaba, un forte furacán fixo que perdese o coñecemento. Non sei canto tempo estiven inconsciente: se vinte minutos, se unha hora… O que podo asegurar é que cando espertei doíame o corpo e tiña un golpe na cabeza, polo que me corría un fío de sangue. Todo tirado polo chan … Escoitei aquel marmurio do vento e intentei escapar! Subín polas escaleiras e entrei no meu cuarto por non sentir a sensación intensa de ira. Escorregueime pola porta. Sentín caer as bágoas coma se fose o océano Atlántico. Os seus pasos –que se achegaban- eran coma puñaladas que me quitaban a vida. Pechei os ollos e desexei non seguir alí, estar nun lugar mellor. Entón, lembreime da miña familia e do lugar onde me criei: Galicia.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.