Santiago adquirirá novos vehículos destinados a Protección Civil

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela aprobou un expediente de modificación de crédito por unha cantidade de 10.000 euros para a adquisición dun furgón, dous todo terreo e un todo camiño destinados á Agrupación de Santiago de Protección Civil

Con estes catro novos vehículos preténdese unha maior eficacia e eficiencia na prestación do servizo, tan esencial para a protección e axuda a cidadanía, especialmente durante esta crise sanitaria.

Un informe da Coordinadora Municipal da Asociación de Voluntarios de Protección Civil sinala que precisan vehículos aptos para lugares de difícil acceso e para transitar por camiños de terra, lama, etc., onde non chegan outro tipo de automóbiles; e explica que aproximadamente o 80% dos 7.010 operativos aos que dá cobertura este servizo, teñen relación coa vixilancia dos Camiños de Santiago e a atención aos peregrinos; ademais de diferentes actos que supoñen unha importante concentración de xente, como andainas, eventos musicais e deportivos, etc.

Tamén se precisa un furgón para poder trasladar a grupos de peregrinos que non poden chegar ata o final do Camiño polo seu propio pé, e para transportar o voluntariado de Protección Civil nas quendas ou relevos que lles asignan en carreiras nocturnas, eventos multitudinarios, etc. O vehículo todo camiño necesítase para as tarefas diarias, polo considerable aumento de voluntariado despois das campañas de captación realizadas. Permitirá tarefas como acompañar escolares aos centros educativos, baixadas de cabalos dende o Monte do Gozo, eventos deportivos, partidos de baloncesto, auxilio á Garda Civil, etc.

O financiamento destes vehículos realizaríase a través dun convenio, pendente de asinar, entre a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello. Este acordo en materia de Protección Civil e Emerxencias, articulará a colaboración nos gastos de adquisición dun vehículo todo camiño, dous todo terreos e un furgón. Segundo establece o borrador do documento, a Xunta aportaría 55.000 euros, a Deputación Provincial outros 55.000 e o Concello de Santiago 10.000 euros.

Este gasto de 10.000 euros tería que estar fiscalizado polo Concello no momento da sinatura do convenio, polo que era necesaria esta modificación orzamentaria aprobada na Xunta de Goberno Local, e que agora se proporá ao Pleno deste mesmo xoves. En concreto, transferiríase crédito por este importe dende o centro xestor de Festas cara o centro xestor de Protección Civil.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.