Seis proxectos propostos para adxudicación en Ferrol

A rehabilitación de envolventes das rúas Betanzos e Ares, en Recimil, o amaño das pluviais da praza de España, o aglomerado da avenida do Mar, o aparcamento disuasorio do CHUF e a renovación de marquesiñas están a un só trámite de ser resoltos

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol tratou entre onte e hoxe, en reunión telemática, seis proxectos que se atopan nas últimas fases para a súa resolución. Entre todos suman un importe de 2.473.927,58 euros. O goberno local quere axilizar estas actuacións para que, ademais de responder ás necesidades urbanísticas da cidade, sirvan para contribuír á dinamización da economía local neste período de crise.

A máis cuantiosa é a rehabilitación da envolvente do edificio 1-8 da rúa Betanzos, en Recimil, por 1.465.980,85 euros. Na mesa de contratación acordouse unha proposta de adxudicación, que unicamente está á espera de que a empresa sobre a que recaeu a execución aporte ao Concello documentación. Nesa mesma situación xa se atopan a construción do aparcamento disuasorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (245.140,00 euros) e a reparación da avenida do Mar (200.983,13).

A rehabilitación da envolvente do inmoble situado nos números 1-2 da rúa Ares (294.816,74), tamén en Recimil, e a renovación de pluviais entre os números 23 e 28 da praza de España (147.619,85) tamén contan con sendas propostas de adxudicación, pero neste caso condicionadas a que as empresas xustifiquen que non están a incorrer en baixas temerarias.

O sexto dos expedientes que abordou a Mesa de Contratación Permanente, a reparación e reposición de 51 marquesiñas de autobuses en todo o termo municipal, tamén está próximo á resolución. A empresa que obtivo a adxudicación provisional debe subsanar un erro material na documentación. Este proxecto conta cun orzamento base de licitación de 144.458,28 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.