Seminario virtual do Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria sobre accións sociais en tempos de pandemia

“Politics Matters? As políticas sociais en tempos de pandemia COVID-19” é o título do seminario virtual que organiza o Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria da Facultade de Socioloxía

Para asistir a este seminario, que terá lugar a través de Teams, haberá que enviar un correo a mestrado.polsoc@udc.es para recibir convite para unirse ás conferencias.

O programa comezará mañá, martes, 5 de maio de 16:00 a 18:00 horas, coa intervención de Iria Vázquez Silva, da UVigo, “A violencia machista desde as institucións: a violencia de xénero en tempos de coronavirus”.

O mércores, 6 de maio, (16 a 18h.), falará Antonio Alejo, da USC, sobre “Gobernanza, cidades e activismos cívicos pro-dereitos das persoas en movemento antes e despois da COVID-19”.

O venres, 8 de maio, no mesmo horario, intervirá Francisco Xabier Aguiar Fernández, UVigo, con “Os servizos sociais e a intervención social nun contexto de crise: a debilidade institucional do social derivada da lóxica neoliberal”.

Belén Fernández Suárez, da UDC, falará o luns, 11 de maio, tamén de 16:00 a 18:00h. sobre “Estado de benestar e austeridade: fortalezas e debilidades do sistema sanitario e da protección social en España ante a crise de saúde pública”.

O seminario pecharase con Nuria Alabao, doutora en Antropoloxía, xornalista e membro da Fundación dos Comúns, o venres, 15 de maio de 19:00 a 20:30 horas, coa intervención “O dogma neoliberal e o minguante estado do benestar: a discusión sobre a renda básica”.

O Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria da Universidade da Coruña, con dous anos de duración, está orientado ao estudo das políticas sociais, a exclusión social e a intervención social e comunitaria. Ademais de analizar o benestar social das poboacións e deseñar as políticas de mellora, pretende profundizar no coñecemento de necesidades sociais e na acción e intervención social, con especial referencia a fenómenos actuais, como a inmigración, as minorías étnicas, a violencia de xénero e as transformacións familiares e sociodemográficas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.