Subvención autonómica para o proxecto de Parques e Xardíns de Pontevedra que conserva e protexe catro cedros do Himalaia senlleiros

O Concello de Pontevedra acaba de recibir a notificación das axudas destinadas a especies incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta

O proxecto elaborado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para a conservación e protección de catro cedros do Himalaia senlleiros ubicados nos Xardíns de Vincenti ven de recibir unha subvención autonómica de 4.000 euros por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Así llo acaba de notificar ao Concello a subdirectora xeral de Biodiversidade e Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Susana Cuesta, a través dunha misiva que confirma a inclusión destes exemplares no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para o ano 2020.

Na memoria remitida polo departamento que dirixe Iván Puentes recollíanse un conxunto de actuacións de mellora e posta en valor cuxo investimento global ascende a 8.000 euros (a subvención cubre polo tanto un 50% do orzamento). O concelleiro socialista considera que os espazos verdes históricos dos Xardíns de Vincenti ou das Palmeiras, nos que habitan catro cedros do Himalaia de gran porte catalogados, constitúen “un obxectivo de conservación prioritario”, motivo polo que se decidiu contratar unha inspección técnica especializada previa á realización de traballos de poda e á substitución dos sistemas de suxeición existentes por uns novos elementos de ancoraxe máis acaídos.

Para levar a cabo esta intervención contratouse ao enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín, especialista en arboricultura, que ademais da poda e a revisión das ancoraxes, efectuará unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos. A inspección técnica permitirá facer unha estimación detallada das ramas mortas ou deterioradas e que deban de ser eliminadas, ao tempo que porá de manifesto os vicios ou debilidades ocultos na estrutura das árbores.

Deste xeito, realizarase unha determinación por métodos visuais e, de se- lo caso, se así se estima oportuno, acudirase a ensaios ou análises instrumentais para efectuar unha avaliación detallada de riscos. A inspección permitirá a identificación de patoloxías e de posibles perigos e terá en consideración os factores propios da especie e de cada exemplar: peso, densidade ou resistencia da madeira. De igual modo, estudaranse factores externos como ventos dominantes, edificacións do contorno, servizos con posible afección (regadío, entre outros)…

Limpeza de ramas mortas e podas de intensidade moderada

Os catro cedros do Himalaia sobre os que se vai intervir resultaron moi afectados polos temporais de vento e choiva rexistrados en 2010 e 2017, que danaron ás árbores nas súas copas, en especial aos dous exemplares próximos á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes. Por este motivo e pola da necesidade de garantir a conservación das árbores e o seu bo estado fisiolóxico, levarase a cabo unha limpeza de ramas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, tendo en conta as características non retoñais da especie, tentando conservar a vitalidade dos cedros e garantindo a seguridade na súa contorna. Os restos da poda serán triturados progresivamente e retirados para o seu emprego como ‘acolchado’ noutras zonas verdes ou como estruturante para a compostaxe.

En base á memoria do proxecto remitida á Xunta de Galicia, as tres árbores situadas ao sur do parque xa viñan aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores (absorbente de choque), insercións, mangas antifrición e remates finais, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro. A intervención plantexa a substitución e corrección dos sistemas de suxeición, de xeito que se eliminen aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas de ancoraxe, así como abrasións. Asemade, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos.

O proxecto, que ten un prazo de execución previsto de cinco semanas e que precisará da asistencia dun camión grúa para levarse a cabo, completarase cunha sinalización individual de cada exemplar, así como unha destinada ao conxunto da formación (as súas características e dimensións serán obxecto de estudo).

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.