Tomé, alumno avantaxado de Pedro Sánchez. Por Javier J. Castiñeira. Portavoz do Grupo Provincial do PP de Lugo

Javier J. Castiñeira

Portavoz do Grupo Provincial do PP

Inicio este artigo recoñecendo que co presidente da Deputación pásame o mesmo que co seu xefe Pedro Sánchez: por máis que me esforce non podo concluír que os erros que comete son produto dun mal momento, dunha dixestión pesada ou dunha mala noite. Non podo chegar a esa conclusión ao ver, por exemplo, as convocatorias dos plenos ordinario e extraordinario, a celebrar o próximo martes. Son froito, ao meu entender, dunha maneira de estar en política como debeu ser a daquel deputado do que un poeta de pluma ácida, escribiu: «Aquí yace un diputado / que de emoción se murió, / porque al ser interpelado / se vio el pobre precisado / a contestar “si” o “no”».

O pleno extraordinario foi solicitado polo meu grupo, o PP, o que ten máis deputados, visto o desprezativo silencio co que o goberno provincial respondeu á nosa petición dunha reunión da xunta de portavoces. O obxectivo: deseñar un plan de intervención directa da Deputación, a cargo de parte do seu remanente, para axudar ao tecido produtivo de Lugo a superar a crise provocada polo Covid-19. Con criterio económico que compartimos, o pleno extraordinario foi fixado para o mesmo día que a sesión ordinaria, na que algo debeu ter que ver a nosa insistencia en que fose convocada. E entón é cando o deputado Tomé se enfronta ao dilema do que se fala ao principio: “si” ou “non”. Como o non era imposible, por imperativo legal, Tomé convocou a sesión extraordinaria; pero como o si tampouco lle gustaba, elixiu a que seguramente considerou a peor hora posible, as 14.00. Quizá pensou que así amolaba ao PP. Está equivocado. O que demostra é que non lle merecen ningunha consideración aqueles que constitúen o tecido produtivo da provincia, os que moven Lugo. Non é casualidade que se produza cando Sánchez pacta con Bildu a anulación da reforma laboral. Ás dúas da tarde ou cando sexa, nós imos soster que a Deputación inxecte recursos económicos no noso tecido produtivo. Tomé sigue enredando entre o si e o non, co auxilio do Bloque.

Outra mostra de como Tomé se move entre o si e o non, cando está polo non pero quere que parece que está polo si, é a postura do PSOE en relación con Alcoa-San Cibrao. ¡Cantas voltiñas lle dan, para non facer nada! Neste asunto non teñen credibilidade ningunha porque o Goberno, co silencio cómplice dos socialistas lucenses, négase a aprobar un estatuto para empresas electrointensivas que garanta un marco estable de prezos asumibles, que permitan competir  no sector en igualdade de condicións. Din que si, pero é que non. Por iso non aproban o estatuto coas alegacións dos sindicatos e da Xunta. Poden presentar mil mocións, pero xa non os cren nin os traballadores nin os veciños. Todos eles xa viron o que fixeron con Endesa-As Pontes, incapaces de deseñar unha transición enerxética respectuosa coa industria galega.

En todo o que ten que ver coa economía provincial, Tomé, coa inestimable axuda do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, perdeu a credibilidade. O Covid-19 desenmascarounos. Si, está demostrado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete − quince =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.