Volver á normalidade sen atascos nin contaminación

Un repaso á mobilidade nas grandes cidades galegas

Resulta imperativo volver á “nova normalidade” aplicando sen dilación medidas que  pacifiquen o tráfico e repartan de forma equitativa os espazos públicos. Isto só é posible abandonando a lóxica de desenvolvemento que basa a mobilidade na acumulación asfalto e formigón  que converte ao automóbil no dono da cidade. No seu protagonismo o automóbil reclama cada vez máis espazo creando deste xeito cidades difusas que se expanden sen presión demográfica e afástanse progresivamente da cidadanía. Como consecuencia nos últimos 30 anos duplicouse o número de quilómetros que necesitan percorrer as persoas cada día. Debemos ter presente que a mobilidade só é un medio, o fin é a accesibilidade e para volver achegar a cidade á cidadanía temos que cuestionarnos o espazo físico en que se desenvolven os seus desexos e as súas necesidades, fomentando a súa participación activa no proceso de deseño da propia cidade.

  • Repaso a mobilidade e accesibilidade nas grandes cidades galegas
  • Medidas para reducir a demanda de mobilidade
  • Medidas para facilitar e fomentar os desprazamento a pé
  • Medidas para fomentar os desprazamento en bicicleta
  • Medidas para potenciar o transporte público

REPASO A MOBILIDADE E ACCESIBILIDADE NAS GRANDES CIDADES GALEGAS:

A CORUÑA > A cidade herculina non está por enriba da media en canto a mobilidade peonil, o transporte urbano e a accesibilidade dos espazos público. Cun novo Plan de Mobiliade Urbana por aprobar e sen ter implementadas as medidas recollidas nos dous anteriores, a cidade necesita unha ampliación e extensión das zonas peonís e que estas se orienten a conectar entre si os barrios creando zonas baixas en emisións de CO2. A Coruña debe ser unha cidade transitábel a pé e poder trasladarnos desde os Castros até Peruleiro sen saír dunha zona peonil, medidas como a denominada “rolda peonil” ou os corredores verdes contribuirán a este obxetivo á vez que no mantemento da biodiversidade. Precísase continuar a aposta de extensión dos espazos seguros para bicicletas e a ampliación urxente do número de estación e bicicletas do servizo público de préstamo. Para a mellora do servizo público de transporte é necesaria unha xestión pública e integrada xunto co transporte metropolitano que conleve unha baixada de tarifas e un aumento das frecuencias, e complementariamente, aumentar as vías con carrís específicos para autobús co fin de axilizar os desprazamentos. Finalmente consideramos que a inversión pública debera enfocarse cara infraestruturas sostibles como un ferrocarril de cercanías na contorna da cidade e eliminar os proxectos de ampliación de carrís en infraestruturas viarias como os programados na avda. da Vedra ou na Ponte da Pasaxe.

PONTEVEDRA> A vila do Lérez é a única que aproba e ademais con nota, como así o ven de refrendar o premio concedido pola Unión Europea, no 2019 no marco da Semana Europea da Mobilidade, en recoñecemento ao seu modelo de cidade peonil. Unha cidade que acadou pacificar o tráfico e na que os seus habitantes saen a andar sen medo aos coches, xa que os límites de velocidade para o tráfico rodado se sitúen entre os 10 e os 30 km/hora. Un dato que demostra esta pacificación é que o 80% da rapazada acuda andando soa á escola. As demais vilas galegas deben mirar cara a Pontevedra como modelo de cidade peonil, accesible e baixa en emisións.

VIGO> A cidade olívica leva décadas estancada sen acometer ningunha gran actuación para humanizar as súas rúas a prol de pacificar o tráfico, crear zonas baixas en emisións e desenvolver a mobilidade peonil e mellorar a accesibilidade aos espazos públicos. Non podemos considerar a actuación para humanizar a contorna do Sereo na Porta do Sol como un modelo a seguir aínda que se gañe asfalto para o peón, xa que non se reduce o tráfico senón que se agocha este baixo un túnel que en canto de disuadir fai efecto chamada para a utilización do automóbil. Vigo necesita máis zonas baixas en emisións se non quere extinguirse como cidade e con este tipo de actuacións está dando pasos cara atrás. Por iso, solicitamos a paralización do Túnel da Porta do Sol-Elduayen e que se acometa un traballo colectivo para acadar alternativas de consenso que pacifiquen o tráfico, prioricen a mobilidade peonil e un transporte público adaptado á realidade do centro histórico da cidade. Ademais propoñemos medidas doadas de implantar como a continuidade da senda ciclista Vía Verde entre Urzaiz e Chapela ou fixar como permanentes as peonalizacións decretadas durante o Estado de Alarma. Como no resto das cidades galegas faise perentorio a creación dunha rede de aparcamentos disuasorios nos arredores da cidade que esten conectados co transporte público.

COMPOSTELA> A capital galega, ao igual que o resto das principais vilas do país agás Pontevedra, tamén ten moito marxe de mellora en canto a mobilidade peonil, o transporte urbano e a accesibilidade dos espazos públicos. Compostela carece de aparcadoiros disuasorios nos arredores que reduzan o tráfico de automóbiles na cidade e favorezan o uso do transporte público. Habilitar os aparcadoiros xa existentes nas entradas da cidade e conectalos co transporte urbano debería ser unha medida doada de implantar. Son imperativas tamén medidas para ampliar as zonas baixas en emisións e recuperar a cidade para a cidadanía de a pé, neste senso pédense aplicar medidas como crear un carril-bici que conecte toda a cidade, limitar o acceso de vehículos ao centro da cidade e estender as zonas peonís. 

MEDIDAS PARA REDUCIR A DEMANDA DE MOBILIDADE:

  1. Reducir necesidades de transporte, fomentando o teletraballo, a compra de proximidade e, a administración electrónica.
  2. Reducir ao máximo a aparición de horas punta, con medidas como o  escalonamento de horarios de entrada e saída aos postos de traballo e  a flexibilidade de horarios.
  3. Impulsar campañas a favor dos desprazamentos a pé e en bicicleta para treitos de menos de 6 km.
  4. Crear zonas verdes temporais, utilizando macetas e mobiliario urbano para evitar aglomeracións en parques e xardíns e reducir desprazamentos a lugares de recreo. Así mesmo, posibilitar paseos gardando as medidas de seguridade. 

MEDIDAS PARA FACILITAR E FOMENTAR OS DESPRAZAMENTOS A PÉ:

  1. Ampliar as beirarrúas para facilitar o distanciamento físico. Pódese realizar á conta do espazo da calzada ou da banda de aparcamento.
  2. Establecer rúas compartidas e zonas con prioridade peonil, nas rúas nas que non se poidan ampliar as beirarrúas. As persoas terán prioridade para desprazarse camiñando pola calzada (nas rúas compartidas non existe separación calzada-aceira).
  3. Situar terrazas, colectores e aparcamento de motos preferentemente na calzada e non na beirarrúa.
  4. Reducir os límites de velocidade de circulación nas cidades, coa xeneralización de rúas a 30 km/ h, 20 km/ h e 10 km/ h para facilitar a mobilidade activa.
  5. Restrinxir a circulación de vehículos de motor ao redor dos centros docentes ,en horas de entrada e saída do alumnado.
  6. Automatizar semáforos e reducir os tempos de espera para impedir aglomeracións en pasos de peóns.

MEDIDAS PARA FOMENTAR OS DESPRAZAMENTOS EN BICICLETA:

  1. Implantar redes e corredores ciclistas de emerxencia de uso non obrigatorio.
  2. Establecer unha liña de financiamento estatal e autonómico para estas infraestruturas ciclistas de emerxencia.
  3. Promover aparcamentos seguros en puntos estratéxicos (intercambiadores de transporte público, edificios da administración e estacións de tren) 
  4. Implantar sistemas de estacionamento de bicicletas nos centros de traballo.
  5. Xerar un plan de axudas para a adquisición e reparación de bicicletas por particulares. 
  6. Fomentar  programas de aprendizaxe para montar en bicicleta.
  7. Facilitar e potenciar a intermodalidade, permitindo viaxar con bicicleta no transporte público.

MEDIDAS PARA POTENCIAR O TRANSPORTE PÚBLICO:

  1. Ampliar o número e dimensión dos carrís bus nas zonas urbanas e priorizalos nos semáforos.
  2. Habilitar carrís bus nas vías de titularidade estatal de entrada nas grandes cidades.
  3. Asegurar unha adecuada oferta de transporte público, configurando a rede actual (cobertura e frecuencias) de acordo coas necesidades reais de mobilidade da poboación. 
  4. Mellorar a información pública en tempo real sobre opcións de transporte público, tempos de espera e alternativas existentes, para distribuír a demanda de forma máis adecuada.
  5. Aprobar de maneira urxente unha lei estatal de financiamento do transporte público e de fomento da súa xestion pública.
  6. Reducir os millonarios investimentos previstos en novas infraestruturas viarias, e reorientalas a mellorar os servizos e infraestruturas do transporte público.
  7. Transferir de maneira urxente desde o Ministerio de Facenda unha  subvención extraordinaria para o mantemento do transporte urbano aos concellos.
  8. Crear un fondo de compensación para mobilidade por parte de todas as administracións competentes co obxectivo de suplir a perda  por ingreso tarifario durante e despois da crise polo  COVID-19 aos operadores que, ademais de seguir prestando servizo, tiveron que asumir gastos extraordinarios.
  9. Condicionar a recepción de axudas extraordinarias a que os concellos destinen carrís de circulación para mellorar a mobilidade peonil, ciclista e colectiva fronte ao coche. O Ministerio de Transportes, Movilidade Sostible e Seguridade Viaria deberá proporcionar unha guía para este efecto..
  10. Reforzar a seguridade sanitaria no transporte público
  11. Intensificar as tarefas de limpeza e desinfección de vehículos e estacións.
  12. Dispoñer de informacións e indicacións claras nas estacións e vehículos para asegurar que non se supere o aforo recomendado e as distancias de seguridade: vestíbulos de entrada e saída  unidireccionais, adhesivo en asentos e indicacións nas plataformas.
  13. Dotar aos distintos persoais do transporte público (condutores, persoal de estación e mantemento) das medidas de prevención e protección necesarias.
  14. Reverter o desmantelamento do tren de proximidade e fomentalo como servizo  vertebrador que fixa poboación en rural. Potenciar así mesmo o tren de media e longa distancia tanto de pasaxeiros como de mercadorías
Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − quince =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.