18.000 euros para eliminar especies vexetais invasoras nos espazos protexidos da Xunqueira, o río Lérez e a Illa das Esculturas en Pontevedra

Os traballos céntranse na retirada de acacias, falsas acacias, canas, herbas da Pampa, cotulas, amores de home ou eucaliptos, pero tamén dalgún exemplar animal como o cangrexo americano

As especies exóticas invasoras introdúcense ou establécense nun ecosistema ou hábitat fóra do seu ámbito ecolóxico natural, converténdose en axentes de cambio e ameaza para a biodiversidade e a economía, e especialmente para a produción agrícola, gandeira e forestal, e mesmo para a saúde pública. Consciente da súa perigosidade e da necesidade de mantelas baixo control, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, destinou unha achega de 18.077,40 euros ao servizo para a eliminación de exemplares vexetais invasores en espazos naturais protexidos, que desenvolve a empresa Cormo Integral, entre outros lugares, na Illa das Esculturas, a Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Lérez e o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba.

Os traballos céntranse esencialmente na retirada de especies como acacias, falsas acacias, canas, herbas da Pampa, cotulas, amores de home ou eucaliptos, pero tamén dalgún exemplar animal como o cangrexo americano (en zonas da Xunqueira). Iván Puentes constata que a introdución voluntaria ou involuntaria destas especies exóticas nun territorio no que non son nativas “está asociado á actividade humana e o seu impacto é considerable tanto a nivel social como económico e ambiental”. “O custo da eliminación das invasoras a nivel europeo supera os 12.500 millóns de euros ao ano. Xunto co cambio climático e a destrución de hábitats, as especies exóticas invasoras son unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial”, apunta o edil socialista.

Por este motivo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible avoga por investir en accións de prevención e campañas informativas, instruíndo á poboación sobre as especies máis perigosas, o xeito de eliminalas e as accións máis eficientes para evita-la súa presenza e proliferación no noso territorio. O Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, definindo o listado das mesmas e as estratexias e accións a realizar, así como a obriga das administracións competentes de eliminar aquelas que se atopen en espazos naturais, parques ou xardíns públicos.

As colonizadoras máis agresivas

Entre as especies que poderían ameazar os ecosistemas de Pontevedra atópanse a acacia (acacia melanoxylon), que procede de Australia e Tasmania, impacta negativamente sobre o crecemento da flora microbiana do solo, reduce a disponibilidade hídrica e impide o crecemento das especies vexetais autóctonas, e a falsa acacia (robinia pseudoacacia), oriúnda de América do Norte, que despraza e substitúe a vexetación autóctona, altera a composición forestal e invade os claros onde se conservan as escasas manifestacións do bosque caducifolio autóctono, sobre todo os ameneirais como os dos ENIL da Xunqueira de Alba e o río dos Gafos. De orixe asiática, a cana (arundo donax) atópase naturalizada por toda Galicia en lugares con certo grao de humidade, desprazando completamente á vexetación autóctona e alterando os regatos e medios riparios que coloniza, mentres que a herba da Pampa (cortadeira selloana) é unha planta procedente de Sudamérica con gran capacidade invasora pola súa elevada produción de sementes (cada exemplar feminino chega a producir ata un millón delas) e pola diversidade de ambientes que coloniza, como os hábitats antropizados (beiras de autoestradas, solares abandonados…), os espazos naturais costeiros, as dunas ou os humedais. A súa gran produción de pole pode provocar problemas alérxicos á poboación.

Nesta lista de colonizadoras máis agresivas inclúese a cotula (cotula coronipifolia), orixinaria da Rexión do Cabo, en Sudáfrica, que invade zonas húmidas como esteiros, xunqueiras e marismas; o amor de home (tradescantia fluminensis), de orixe sudamericana, que prolifera en hábitats naturais húmidos, sombríos e algo nitrificados, e o eucalipto (eucaliptus globulus), natural de Tasmania e Australia, cuxo comportamento invasor se debe á gran capacidade de rebrote dos tocóns tralos incendios forestais e as talas, así como á grande produción de sementes cunha alta viabilidade nos hábitats naturais circundantes.

No que atinxe ao cangrexo americano (procambarus clarkii), nativo do sureste de Estados Unidos, o concelleiro Iván Puentes sinala que o espazo máis afectado é a Xunqueira de Alba, “onde os seus hábitos de alimentación poden alterar o ecosistema e desprazar a outras especies autóctonas”. “É unha praga que está en toda Galicia, que é moi preocupante, porque aniquila toda a fauna autóctona dos ríos e dos humidais, e que debemos ter controlada para que non siga proliferando”, subliña Puentes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.