A Deputación de Lugo reivindica a igualdade real das persoas LGTBI+

O Goberno da Deputación súmase ás reivindicacións do colectivo LGTBI+ formulando unha declaración con motivo da conmemoración do Día Nacional do Orgullo LGBTI, que se celebra cada 28 de xuño. O Executivo respalda as políticas que contribúan a acadar unha sociedade que garanta os dereitos e a igualdade real das persoas LGTBI+

“Co motivo da conmemoración, o vindeiro 28 de xuño, do Día Nacional do Orgullo LGTBI+, o Goberno da Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso na defensa das reivindicacións históricas do colectivo LGTBI e o seu respaldo ás políticas que contribúan a acadar unha sociedade que garanta os dereitos e a igualdade real das persoas LGTBI+.

O lema de este ano 2020, Mulleres LTB: sororidade e feminismo, quere incrementar a visibilidade das mulleres lesbianas, trans e bisexuais. Porque non podemos esquecer que dentro do colectivo LGTBI+, as mulleres son as grandes invisibilizadas. Dende os anos 60, a reactivación da reclamación dos dereitos do colectivo visualizou sobre todo a cultura e a imaxe dos grupos gais masculinos. As mulleres lesbianas e trans permaneceron, maioritariamente, na sombra, invisíbeis.

Cumpre pois facer un esforzo específico para recoñecer a loita e as necesidades destas mulleres LTB, para finalizar ca dobre discriminación que sufriron ó longo da historia, pola súa condición de mulleres, nunha sociedade machista, e pola súa identidade e orientación sexual.

Temos que traballar dende a escola, porque so ca educación en diversidade acadaremos unha igualdade plena, consolidada e real. E precisamos traballar nas institucións, públicas e privadas, para facer real esa igualdade, rexeitando os estereotipos negativos que tantas veces acompañan ás mulleres lesbianas, bisexuais ou trans. E temos que facer un esforzo especial no eido da formación para evitar que as mulleres trans, históricamente as mais violentadas e rexeitadas, sexan discriminadas, excluídas, acosadas e moitas veces empuxadas a precariedade laboral.

A nosa é unha provincia de carácter rural, con moitos núcleos de poboación de pequeno tamaño. E non podemos esquecer que estas características engaden ás veces dificultades específicas ós problemas que aínda hoxe, a pesar do avance social, enfrontan as persoas LGTBI+. Soedade, falta de referentes, maior incomprensión social e familiar, mesmo rexeitamento, son realidades que afectan moi especialmente ás persoas LGTBI+ no rural, e poden ter unha incidencia especialmente grave na infancia e adolescencia.

Temos que conseguir que os concellos sexan tamén a administración máis próxima ás persoas LGTBI+ que viven no rural ou en pequenas vilas, onde non sempre poden atopar o respaldo e o traballo do movemento asociativo das grandes cidades. Responsables políticos e persoal municipal debemos reforzar o noso compromiso cos dereitos das persoas LGTBI+, especialmente neste ámbito.

Precisamos así mesmo realizar un esforzo no eido sanitario, con protocolos específicos na atención e nos servizos de Xinecoloxía dirixidos as mulleres trans, por suposto, desde unha perspectiva de acompañamento, e non de patoloxización e de itinerarios médicos que deben seguir para ser recoñecidas como mulleres. Tamén resulta imprescindible o deseño de ferramentas para a detección de casos de violencia institucional e de xénero que sofren estas mulleres, de saúde mais precaria e, a miúdo, cunha situación social e afectiva que as fai máis vulnerábeis.

Temos avanzado moito como sociedade dende que hai 15 anos, aprobouse a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Foi unha medida pioneira, que deu resposta a unha reivindicación histórica e que situou ó noso país como referente internacional. En Galicia temos unha lei de non discriminación das persoas gais, lesbianas, trans, bisexuais e intersexuais aprobada no 2014, pero que pouco ten sido desenvolvida e que nada di do dereito a despatoloxización e autodeterminación das identidades trans, unha tarefa pendente que o próximo Goberno da Xunta debe abordar cunha Lei Galega de Identidade de Xénero. Polo tanto, queda moito por facer no avance dos dereitos das persoas LGTBI+, sobre todo no noso país.

Agora temos que evitar que certos discursos de odio se poidan consolidar ou que a situación xerada arredor da pandemia da Covid poida frear os avances acadados ou relegar a un segundo plano de importancia na axenda pública, as reivindicacións e necesidades do colectivo LGTBI. A loita pola recuperación económica, a loita polos avances sanitarios e educativos non deben facernos esquecer que o maior progreso que pode acadar unha sociedade, é a consecución dunha igualdade real entre todas as persoas que a compoñen, sen distinción de raza, clase, sexo ou orientación sexual.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.