A empresa creada por investigadores do CITIC da UDC, Torusware, recibe o Premio Nacional de Informática

A empresa Torusware foi galardoada co Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Premio Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Os socios promotores de Torusware son os investigadores do CITIC Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica

A empresa Torusware, spin-off da Universidade da Coruña e creada por investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, foi recoñecida co Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Premio Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.

A startup Torusware, cuxos socios promotores son os investigadores da área de Computación de altas prestacións do CITIC, Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, está especializada na análise, deseño e implantación de plataformas de alto rendemento para análise de datos e calidade de software en ámbitos de servidores corporativos e na nube. Segundo o xurado, a empresa galega foi premiada “pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta polo I+D+i, e polo seu impacto nacional e internacional”.

Cómpre recordar que en edicións anteriores foron premiados un total de tres investigadores do CITIC. En 2019, Nieves R. Brisaboa foi condecorada co Premio Nacional de Informática na categoría Premio Ángela Ruiz Robles. En 2018, Ramón Doallo recibiu o premio na categoría Premio Aritmel, e nesa mesma edición, David Vilares foi galardoado co premio na modalidade Investigadores Mozos Informáticos.

O tres socios promotores: Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez y Ramón Doallo Biempica

O tres socios promotores: Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez y Ramón Doallo Biempica

Os Premios Nacionais de Informática están dirixidos a recoñecer a labor de investigadores e entidades na área da Informática que dediquen a súa carreira profesional ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina. Pola súa banda, a modalidade Investigadores Mozos Informáticos está destinada a distinguir traballos doutorais innovadores e relevantes, recoñecendo a investigadores que contribúen ao relevo xeracional nesta disciplina e premiando a creatividade, orixinalidade e excelencia.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve − 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.